9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaJavier Losada recolle as demandas do sector da hostalería ante as novas...

    Javier Losada recolle as demandas do sector da hostalería ante as novas restricións

    Ás axudas vixentes desde marzo sumouse esta semana unha modificación aprobada polo Ministerio de Inclusión e Seguridade Social que facilita o acceso a hostaleiros autónomos

    O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, recolleu hoxe as demandas do sector da hostalería ante as novas restricións impostas. Fíxoo nunha reunión na Delegación con representantes do sector encabezados polo presidente provincial na Coruña, Héctor Cañete.

    Durante o encontro de traballo trasladoulles as medidas adoptadas polo Executivo desde o pasado mes de marzo. Explicou, ademais, o último anuncio do Ministerio de Inclusión e Seguridade Social, realizado esta mesma semana. Grazas a esta novidade as persoas autónomas vinculadas á hostalería facilitan o seu acceso a unha prestación extraordinaria por suspensión de actividade, mesmo se continúan cos seus locais abertos, coa condición de que se produza unha baixada de ingresos do 75%.

    Esta prestación extraordinaria parte do 50% da base reguladora, ampliable ata o 90% en función das circunstancias persoais, e conleva a exención da cota do Réxime Especial de Traballadores Autónomos, aínda que o período si conta como cotizado.

    O delegado do Goberno explicou que actualmente o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo traballa en novas medidas de apoio como ampliar os períodos de carencia e de amortización dos créditos ICO e un plan para formar a máis de 70.000 traballadores e traballadoras do sector, este último posto en marcha en colaboración co Ministerio de Traballo e Economía Social e que se desenvolverá a través da Fundación Estatal para a Formación no Emprego ( FUNDAE).
    A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, anunciou en outubro un Plan de Apoio á Hostalería acordado coas comunidades autónomas e a FEMP.

    Ademais, o Goberno mantén prorrogados os ERTE e as axudas para autónomos ata o 31 de xaneiro de 2021. Trátase dunha serie de medidas que en Galicia xa supuxeron un impacto duns 970 millóns de euros desde o inicio da pandemia, con case 650.000 persoas beneficiadas no primeiro caso e preto de 90.000 no segundo.

    Outra liña de traballo, neste caso do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, son os avais do ICO, que en Galicia xa beneficiaron a 33.964 empresas con 5.148,4 millóns de euros. O sector do turismo, lecer e cultura é, a nivel estatal, o máis beneficiado destes avais, cun 15% do total dos fondos.

    Javier Losada esperou que a Xunta axilice as axudas para evitar a perda de postos de traballo. Nese sentido, lamentou a tardanza en expor as axudas económicas, aínda que agradeceu que finalmente se some ás liñas expostas polo Goberno, os concellos e as deputacións.
    No encontro participaron o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña, Héctor Cañete, e os membros da entidade José Antonio Álvarez e Lois Lopes.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.