14.9 C
Pontevedra
Mércores, 8 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaGonzalo Caballero presenta as liñas claves de futuro do socialismo galego, "galeguista,...

    Gonzalo Caballero presenta as liñas claves de futuro do socialismo galego, “galeguista, ecoloxista, feminista e de esquerdas”

    O líder socialista salienta que o federalismo do PSdeG tamén remarcará “a clara compoñente municipalista dun partido que goberna ao 55 por cento da cidadanía galega dende as administracións locais”

    O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou que a comisión executiva nacional do PSdeG abriu o proceso para iniciar a elaboración da ponencia de cara ao vindeiro Congreso Nacional Galego, que se celebrará antes de final de ano. Nunha comparecencia ante os medios de comunicación na mañá do sábado 7 de agosto, o líder socialista explicou que galeguismo e federalismo, ecoloxismo, feminismo e compromiso de esquerdas serán as grandes liñas do PSdeG para “fortalecer e impulsar unha reactivación que priorice e chegue ás persoas”.

    Con este obxectivo, o líder socialista indicou que “imos poñer a toda a organización socialista a traballar nunha ponencia que recolla un proxecto nacional galego para conseguir sacar adiante o país pensando nas persoas, xerando emprego, defendendo os servizos públicos, buscando a igualdade e a cohesión social e modernizando a Galicia”.

    Neste proceso, Gonzalo Caballero comprometeuse a “poñer toda a miña capacidade en darlle ao PSdeG ese impulso para ter un gran proxecto de país, porque sabemos que a dereita non é capaz de gobernar en tempos de reactivación pensando nas persoas e porque o nacionalismo estase mirando ao espello das vías independentistas en Cataluña en vez de pensar nos galegos e nas galegas”.

    As liñas clave: galeguismo, ecoloxismo, feminismo e de esquerdas

    Gonzalo Caballero afondou nos catro grandes eixes do PSdeG “para os tempos da reactivación” e que definen as grandes liñas de actuación para “reconstruír Galicia tras a crise da pandemia”.

    En primeiro lugar, indicou que o proxecto do PSdeG é “galeguista e federalista”, pensado na xente do conxunto do país. Necesitamos asumir “a importancia do federalismo como mecanismo para construír a cogobernanza en España”. Isto, salientou o líder socialista, “implica tamén o municipalismo”, xa que “cando defendemos un PSdeG galeguista e federalista estamos tamén defendendo a clara compoñente municipalista dun Partido que goberna ao 55 por centos dos galegos dende as administracións locais, que goberna en cinco das sete grandes cidades de Galicia e en tres das catro deputacións provinciais”.

    Afondou tamén na importancia do ecoloxismo, nuns tempos nos que “a defensa da biodiversidade e a importancia da sostenibilidade teñen que primar “á hora de elaborar todas as políticas públicas”. Neste sentido lamentou que o ecoloxismo fose “obviado e desprazado” nos doce anos de goberno de Feijoo.

    O feminismo será outro dos eixes de futuro do PSdeG no obxectivo de “loitar a prol da igualdade e darlle ás mulleres un papel protagonista na Galicia do presente e do futuro”. Tamén incidíu na necesidade de “sentar as bases para que nesta crise económica as mulleres non saian máis prexudicadas”.

    Ademais, Gonzalo Caballero, lembrou que ser de esquerdas e progresista “implica defender a cohesión social e a igualdade de oportunidades”, así como “os servizos públicos en pé de igualdade para todos os galegos e galegas con independencia de onde vivan e das súas condicións económicas”.

    Por iso, resaltou, ”é tan imporante impulsar un proxecto progresista e de esquerdas no que os dereitos das persoas e a igualdade primen por enriba de calquera outro tipo de ideas nacionalistas, conservadoras e liberais ou de calquera dogma que non pode estar por riba das persoas”. Defendemos un proxecto de esquerdas porque “estamos comprometidos coa sanidade pública, coa educación pública, coas políticas sociais e queremos políticas económicas que xeren emprego de calidade en Galicia”.

    Involucrar ao conxunto da militancia

    Gonzalo Caballero explicou que o proceso iniciarase coa configuración dun documento de partida, “que vai ser sometido á análise e á participación de todo o PSdeG”, dende os grupos de traballo especializados que traballan nos distintos eidos de actuación ata todos os cargos do Partido e os seus representantes institucionais.

    En calquera caso, o mandatario socialista salientou o peso que vai ter o conxunto da militancia na súa elaboración, pois poderá facer aportacións e contribucións en distintas fases. Por iso, neste proceso involucrarase a todas e todos os socialistas para que poidan facer as súas achegas “nun procedemento que incorpora mecanismos de abaixo a arriba”. “É o momento de contribuír entre todos e todas a facer a mellor Galicia e ese é tamén o meu compromiso persoal”, remarcou.

    Caballero, acompañado na comparecencia por Pablo Arangüena, Ana Prieto e Marina Ortega, sinalou que a dirección do partido presentará proximamente aos ponentes que traballarán no documento de partida para a ponencia marco, á cal todos os militantes tamén poderán facer achegas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.