Sábado, 3 Maio de 2025

Galicia necesita incrementar as reservas de sangue dos grupos cero positivo e cero negativo

As distintas unidades móbiles de ADOS visitarán, nestes días, máis de 40 concellos

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), convida a toda a cidadanía a doar sangue nas xornadas da primeira ponte festiva do mes de decembro, en especial ás persoas dos grupos cero negativo e cero positivo.

A vindeira ponte festiva, así como as próximas festas do Nadal, requiren dun esforzo na participación dos cidadáns, pois pode descender o número de doazóns pero non sucede o mesmo coa demanda de compoñentes sanguíneos por parte dos centros hospitalarios. Por tanto, precisamos da xenerosidade e colaboración de todos e todas para conseguir entre 400 e 500 doazóns diarias de sangue que garantan os compoñentes sanguíneos necesarios para que os hospitais galegos desenvolvan o seu labor asistencial.

Doar é moi sinxelo

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas.

As distintas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán, nestes días,  máis de 40 concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios de Galicia.

Ademais, tamén se pode doar sangue nos locais de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas:

CENTROHORARIO
HOSPITAL CLÍNICO UNIVERSITARIO DE SANTIAGOLuns a venres das 8.00 ás 22.00 horas Sábados das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL UNIVERSITARIO DA CORUÑALuns a venres das 8.00 ás 22.00 horas Sábados das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL ARQUITECTO MARCIDE DE FERROLLuns das 15.00 ás 22.00 horas Martes, mércores e xoves das 08.00 ás 15.00 horas Venres das 8.00 ás 22.00 horas
HOSPITAL LUCUS AUGUSTI DE LUGOLuns e venres das 15.00 ás 22.00 horas Martes, mércores e xoves das 08.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL UNIVERSITARIO DE OURENSELuns e venres das 15:00 ás 22:00 horas Martes, mércores e xoves das 8:00 ás 15:00 horas
HOSPITAL PROVINCIAL DE PONTEVEDRALuns e venres das 08.00 ás 15.00 horas Martes, mércores e xoves das 15:00 ás 22:00 horas
HOSPITAL NICOLÁS PEÑA DE VIGOLuns a venres das 8.00 ás 22.00 horas Sábados das 8.00 ás 15.00 horas

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as páxinas de ADOS en redes sociais, e o teléfono gratuíto de cita previa 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. Pode atopar máis información no seguinte código QR:

ADOS Lembra que, aínda que se pode acudir de forma espontánea, é recomendable solicitar cita no teléfono arriba citado.