Sábado, 3 Maio de 2025

Deputación e Odega dan un novo paso adiante na procura dunha economía circular na provincia

Na liña do compromiso co medio ambiente e o respecto á sustentabilidade en todos os eidos do desenrolo económico e social da provincia, a Deputación de Pontevedra ven de asinar un novo convenio con ODEGA, a Asociación de Desenvolvemento Rural, para poñer en marcha un programa divulgativo sobre o fomento do bo manexo e xestión dos plásticos de uso agrícola na provincia. Esta iniciativa, á que a Deputación achega 36.400 euros, busca avanzar no concepto de economía circular, transformando os residuos en subprodutos ou materias primas doutros procesos, pasando a ser motores da economía, e xerando riqueza e emprego.

No marco deste acordo coa Deputación, ODEGA elaborará unha guía de boas prácticas para a xestión adecuada dos PUA (plásticos de uso agrícola) destinada aos diferentes axentes do sector na provincia e, amais, instalará dous puntos físicos de información e asesoramento sobre a xestión destes residuos en Silleda e Cambados. Igualmente, realizarase unha revisión técnica dos modelos actuais de recollida, xestión e tratamento dos residuos plásticos agrícolas na que se terán en conta a todos os axentes dos sectores agrícola e gandeiro amais dos entes locais e autonómico. Tamén se realizarán ata cinco microvídeos para explicar cuestións como a problemática ocasionada polos PUA nas explotacións, consellos para realizar boas prácticas de xestión ou formas de almacenalos correctamente.

Segundo datos oficiais, en Galicia xéranse cada ano ao redor de 7.700 toneladas de residuos de plásticos de uso agrícola. Delas 4.800 son de silo, 900 dos plásticos cos que se constrúen os invernadoiros e 2.000 de bolsas para silo. Polo tanto, a actividade agraria xera a diario unha variedade de residuos de diferente tipoloxía e perigosidade. Este feito, ligado á frecuente vertedura, incineración ou incluso soterramento dos PUA, produce un dano á paisaxe e un problema de contaminación aos que hai que poñerlles freo.