Sábado, 3 Maio de 2025

COGAMI promove a autonomía das persoas con discapacidade coa campaña “#SOMOSCOGAMI”

A participación das persoas con discapacidade na sociedade é clave e, para que se produza, teñen que dispoñer de autonomía persoal. Ser unha persoa autónoma facilita vivir unha vida máis independente, con maior liberdade na toma de decisións e na condución do  propio proxecto de vida. Para poder acadala, é necesario contar con apoio e acompañamento na propia contorna e dispoñer de acceso aos recursos necesarios.

a autonomía non sempre é posible dentro do grupo social das persoas con discapacidade. En palabras de Juani Tubío, a coordinadora da área de Promoción da Autonomía Persoal de COGAMI, “séguese avanzando moi pouquiño a pouco. É necesario deseñar os recursos poñendo o foco na atención integral centrada na persoa a nivel comunitario, para que poida vivir onde decida a propia persoa cos apoios que precisa. Hai que adaptar o sistema ás necesidades das persoas e non que as persoas se adapten ao sistema”.

Durante o ano 2022, esta área realizou 5.000 actuacións, dende visitas domiciliarias ata acompañamentos na tramitación de xestións da Administración, entrevistas e seguimentos da persoa. Destas, máis de 400 foron intervencións encamiñadas a fomentar o empoderamento, a promoción da autonomía e independencia, nas que resultaron beneficiarias 210 persoas do ámbito rural, 220 mulleres participaron en programas para diminuír a discriminación e prexuízos que as privan de exercer os seus dereitos, e 7 menores recibiron atención a través de intervencións dirixidas á integración educativa obrigatoria.

“Cabe destacar que hai factores moi importantes de especial risco de exclusión a ter en conta, como vivir no rural, ser muller, ter unha discapacidade, baixa cualificación ou carecer de transporte adaptado, dando lugar a situacións moi complexas de vulnerabilidade. Dende COGAMI desenvolvemos programas específicos para intentar paliar estas situacións”, explica Juani Tubío.

Para lograr a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade, dende a área que coordina Juani Tubío realizan accións prelaborais a través de itinerarios personalizados orientados a persoas en idade laboral, para impulsar a motivación persoal, o empoderamento, mellorar as habilidades sociais ademais de dinamizar, informar e formar en  alfabetización dixital.

Todos estes programas que desenvolve a área de Promoción da Autonomía Persoal contaron coa financiación da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF daquelas persoas contribuíntes que marcaron o recadro de Actividades de Interese Social, coñecido como X Solidaria, e da Secretaría Xeral de Igualdade, ademais das deputacións provinciais e concellos, entre outras.

Campaña #SOMOSCOGAMI

Dende COGAMI queren dar visibilidade durante todo este ano 2023 a unha campaña de sensibilización sobre as necesidades que presentan as persoas con discapacidade e familias. Queren facer unha chamada á acción para visibilizar un grupo social que representa o 9 % do total da poboación.

No mes de febreiro reivindican a autonomía persoal a través do lema Somos Participación, para visibilizar a importancia da autonomía das persoas de cara a unha vida máis independente, como se pode ver a través desta peza audiovisual.