Sábado, 3 Maio de 2025

COGAMI mantén contacto continuo coas persoas usuarias dos centros de recursos que ten en toda Galicia

Tralo peche forzoso dos centros de recursos pola alarma sanitaria do Coronavirus, dende a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) mantense o contacto vía telefónica e Whatsapp coas persoas usuarias. Se ben esta situación non permite o contacto presencial a Confederación está a disposición das persoas con discapacidade tanto a través do teléfono 981 574 698 como a través do mail [email protected].

As 45 persoas usuarias do centro de recursos que COGAMI ten en Mos están agora nas súas casas, pero isto non significa que estean inactivas. Todas as persoas usuarias de Mos son contactadas a diario polo persoal do centro, para coñecer como están pasando esta situación excepcional, cales son as necesidades que teñen e, en caso de telas, dende COGAMI estase en contacto directo cos servizos sociais dos concellos para poder dar resposta a estas necesidades.

Estanse facendo, polo tanto, seguimentos a persoas que viven soas e que precisan apoio nos domicilios, e dende a Organización queren agradecer especialmente o apoio que están a recibir dende Protección Civil, organismo que colabora estreitamente a favor das persoas usuarias de COGAMI.

Tamén os profesionais do centro traballan nun plan de actividades para que as persoas do centro poidan, dende as súas casas, continuar coas tarefas que a diario realizan no centro e poder levar unha mellor estadía de encerro nos seus domicilios.