A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada de Cultura, Vicky Alonso, mantivo un encontro de traballo con representantes de ata 24 concellos da provincia para abordar cuestións relacionadas coa feira Cultural, que terá lugar entre o 29 de novembro e o 1 de decembro. Neste contexto, Silva animou aos concellos a sumarse ao stand que a Deputación de Pontevedra disporá no evento. “Buscamos unha presenza máis individualizada dos concellos e estamos abertas a que nos formuledes a vosa visión e propostas ao respecto do Culturgal”, asegurou a presidenta.
Pola súa banda a deputada de Cultura, Vicky Alonso, subliñou que o principal obxectivo da presenza da Deputación en Culturgal é ofertar “unha viaxe pola cultura de Pontevedra, unha provincia culturalmente moi rica, e por iso animamos a todos os concellos a que vos mergulledes con nós e sacarlle o máximo partido xuntas e xuntos”.
A deputada provincial destacou que “entendemos esta feira como un medio da difusión das actividades culturais da provincia pero tamén pensamos que é unha oportunidade fantástica para dar a coñecer o traballo que desenvolvedes e para que collades ideas para implantar nos vosos concellos”.
“Este ano a temática non está acoutada, así que podedes traballar sobre calquera cousa relacionada coa programación cultural do voso concello”, asegurou Alonso. Neste eido, a deputada destacou que pese a non limitar a temática si se fará fincapé en cuestións relacionadas coa sustentabilidade, o Medio Ambiente, o cambio climático, a interactividade, a accesibilidade e a igualdade.
En liñas xerais, no stand da Deputación terán cabida ciclos e xornadas de música, literatura, cine e teatro; feiras, exposicións e eventos culturais destacados; estudos e publicacións sobre algún tema cultural en concreto; e actividades, accións ou publicacións que recoñezan o labor dun persoeiro ou colectivo cultural. Os concellos terán a oportunidade de participar mediante vídeos preferentemente, pero tamén a través de publicacións e micropresentacións, todo elo en lingua galega. No último caso, a deputada provincial destacou que terán lugar en dúas quendas o sábado (de mañá e tarde) e, se non ter cabida todas, o domingo pola mañá.
En canto aos prazos, a deputada provincial informou que os concellos terán ata o 11 de novembro para confirmar a súa asistencia a Culturgal. Ademais, antes do 18 de novembro deberán indicar o título do vídeo así como o nome da actividade que se van presentar. Finalmente, os concellos terán ata o 25 de novembro para enviar o material que se vai divulgar no stand da Deputación de Pontevedra.
Na reunión estiveron presentes representantes de ata 24 concellos da provincia, entre os que se atopaban Barro, Bueu, Cambados, Catoira, Gondomar, O Grove, A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Moraña, As Neves, Nigrán, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Redondela, O Rosal, Salceda, Sanxenxo, Silleda, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova.