11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaAs escavacións de Santa Clara sacan á luz restos da panda oeste...

    As escavacións de Santa Clara sacan á luz restos da panda oeste do claustro

    As escavacións no convento de Santa Clara finalizarán este mes de setembro e, a pesares de estar a piques de rematar, seguen a sacar á luz novidades continuas sobre a construción. O vicepresidente César Mosquera explicou hoxe que os últimos achados veñen de revelar que o claustro, que a día de hoxe só conserva dúas pandas ou lados, tiña en orixe polo menos un máis na zona oeste que foi derrubado:  baixo terra atopáronse pavimentos empedrados, e na zona exterior restos dun tellado que voaba sobre o xardín da fonte  e tamén cicatrices do enlace coa edificación.

    Coas descubertas resólvese un dos enigmas sobre a singularidade do claustro de Santa Clara, diferente aos doutras construcións relixiosas que –de maneira xenérica- pechaban con catro corredores de galerías unha zona central axardinada. Nas sondaxes, en calquera caso, non se encontraron evidencias de que o cuarto lateral fose construído, o que leva á equipa arqueolóxica a pensar que o claustro foi “o enésimo proxecto a medio finalizar” do convento. O seu deseño orixinal, así pois, sería en forma de U con dúas alas simétricas en dirección sur.

    Por outra banda, Mosquera explicou que os estudos de paramentos revelaron que no muro interior paralelo ao de Barcelos -que separa a zona de vides e kiwi da parte exterior de arborado-, existen ‘ventanucos’ abucinados similares ás saeteras. Estes, sen poder determinar de momento se foron construídos pola orde das monxas ou anteriormente, tiñan moi probablemente un carácter defensivo, xa que a parte externa é estreita e a interna máis larga. As aperturas están a día de hoxe colmatadas e recheas de pedras. Ata fin de mes a equipa arqueolóxica seguirá a traballar na construción, realizando principalmente traballos complementarios para identificar na totalidade restos xa identificados ou confirmar datos e teorías sobre algún elemento concreto. Unha vez a faena de campo remate nos vindeiros días intensificarase o labor de documentación e priorizarase a de análise e redacción de informes.  

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.