18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaAreeiro retomará a vindeira semana as visitas aos cultivos da provincia pero...

    Areeiro retomará a vindeira semana as visitas aos cultivos da provincia pero con redución do número de fincas

    Aínda que as mostras, que só se reciben a través de paquetería, reducíronse nun 90 % , dáse prioridade a aquelas procedentes de empresas de produtos vexetais que precisan estas análises poder continuar a súa actividade

    A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, está a manter a súa actividade esencial de servizo ao sector agroforestal da provincia, aínda que coas consecuentes medidas e protocolos de protección derivadas do estado de alarma decretado polo COVID-19. Así, entre ás medidas adoptadas na actividade da estación deixáronse de recoller mostras de xeito presencial, e tampouco os propios agricultores e agricultoras están acudindo ao centro, de xeito que soamente se da entrada ás mostras que chegan por paquetería.

    Estas mostras, ao igual que as que xa tiña con anterioridade o centro, estanse a analizar dando prioridade a aquelas procedentes de empresas que precisan destas análises para poder continuar a súa actividade, entre elas, mostras de produtos vexetais para a venta en comercio interior ou para exportación. Aínda así, o número de mostras que se reciben baixou considerablemente, cerca dun 90%, fronte ao que se tería neste momento de inicio da actividade vexetativa das plantas. Precisamente, por este motivo e ante a demanda de técnicos e viticultores, a próxima semana retomaranse as visitas aos cultivos para a publicación dos avisos fitosanitarios, aínda que reducindo o número de fincas visitadas mentres continúe a actual situación.

    A nivel interno, establecéronse quendas de traballo nos diferentes laboratorios e na finca (na EFA traballan arredor de 50 persoas), co obxectivo de cumprir as obrigas derivadas da declaración de emerxencia sanitaria a nivel de distancia entre o persoal e a desinfección continua. En cada quenda, os e as traballadoras realizan as análises das mostras e manteñen os cultivos que se teñen nos laboratorios (de plantas in vitro ou de fungos) e a cría dos insectos. A nivel técnico, continúa tamén o traballo (presencial ou en teletraballo) coa resposta a consultas telefónicas e as recibidas vía enderezo electrónico, así como coa redacción de informes, convenios ou actualización de protocolos. Igualmente, mantense o contacto telemático coas cooperativas, adegas ou asociacións nacionais e internacionais como a Sociedad Internacional de la Camelia ou a Sociedad Española de Fitopatologia.

    Laboratorio de cultivo in vitro da Estación Fitolpatolóxica do Areeiro

    No relativo á finca de Areeiro, o persoal segue a traballar nos sementeiros, na horta e viveiros, xa que é a época de plantación dalgúns cultivos e non se pode abandonar o mantemento dos existentes, aínda que mantendo as precaucións e normas de seguridade establecidas.

    Por outra banda, a EFA tamén está a colaborar con outros Servizos ou departamentos da Deputación. Así, estase a elaborar solución hidroalcohólica e tamén se está a realizar a desinfección das zonas de acceso, aceiras, escaleiras, exteriores do Pazo Provincial e do Edificio Administrativo (dúas veces por semana) e se colabora co Parque de Maquinaria na desinfección do recinto do Centro Príncipe Felipe.

    Guía 

    Os técnicos da EFA elaboraron, amais, unha guía gráfica dos protocolos de limpeza, baldeo e desinfección correctos na limpeza viaria para combater a pandemia causada polo coronavirus, que se remitiu esta semana aos concellos da provincia. O documento parte do protocolo publicado polo Ministerio de Sanidade e incorpora pautas e consellos para que o persoal municipal encargado deste servizo poida realizalo coa maior eficacia e, tamén, coas axeitadas medidas de autoprotección.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.