A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, está a manter a súa actividade esencial de servizo ao sector agroforestal da provincia, aínda que coas consecuentes medidas e protocolos de protección derivadas do estado de alarma decretado polo COVID-19. Así, entre ás medidas adoptadas na actividade da estación deixáronse de recoller mostras de xeito presencial, e tampouco os propios agricultores e agricultoras están acudindo ao centro, de xeito que soamente se da entrada ás mostras que chegan por paquetería.
Estas mostras, ao igual que as que xa tiña con anterioridade o centro, estanse a analizar dando prioridade a aquelas procedentes de empresas que precisan destas análises para poder continuar a súa actividade, entre elas, mostras de produtos vexetais para a venta en comercio interior ou para exportación. Aínda así, o número de mostras que se reciben baixou considerablemente, cerca dun 90%, fronte ao que se tería neste momento de inicio da actividade vexetativa das plantas. Precisamente, por este motivo e ante a demanda de técnicos e viticultores, a próxima semana retomaranse as visitas aos cultivos para a publicación dos avisos fitosanitarios, aínda que reducindo o número de fincas visitadas mentres continúe a actual situación.
A nivel interno, establecéronse quendas de traballo nos diferentes laboratorios e na finca (na EFA traballan arredor de 50 persoas), co obxectivo de cumprir as obrigas derivadas da declaración de emerxencia sanitaria a nivel de distancia entre o persoal e a desinfección continua. En cada quenda, os e as traballadoras realizan as análises das mostras e manteñen os cultivos que se teñen nos laboratorios (de plantas in vitro ou de fungos) e a cría dos insectos. A nivel técnico, continúa tamén o traballo (presencial ou en teletraballo) coa resposta a consultas telefónicas e as recibidas vía enderezo electrónico, así como coa redacción de informes, convenios ou actualización de protocolos. Igualmente, mantense o contacto telemático coas cooperativas, adegas ou asociacións nacionais e internacionais como a Sociedad Internacional de la Camelia ou a Sociedad Española de Fitopatologia.

No relativo á finca de Areeiro, o persoal segue a traballar nos sementeiros, na horta e viveiros, xa que é a época de plantación dalgúns cultivos e non se pode abandonar o mantemento dos existentes, aínda que mantendo as precaucións e normas de seguridade establecidas.
Por outra banda, a EFA tamén está a colaborar con outros Servizos ou departamentos da Deputación. Así, estase a elaborar solución hidroalcohólica e tamén se está a realizar a desinfección das zonas de acceso, aceiras, escaleiras, exteriores do Pazo Provincial e do Edificio Administrativo (dúas veces por semana) e se colabora co Parque de Maquinaria na desinfección do recinto do Centro Príncipe Felipe.
Guía
Os técnicos da EFA elaboraron, amais, unha guía gráfica dos protocolos de limpeza, baldeo e desinfección correctos na limpeza viaria para combater a pandemia causada polo coronavirus, que se remitiu esta semana aos concellos da provincia. O documento parte do protocolo publicado polo Ministerio de Sanidade e incorpora pautas e consellos para que o persoal municipal encargado deste servizo poida realizalo coa maior eficacia e, tamén, coas axeitadas medidas de autoprotección.