10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaAreeiro pide "extremar os coidados" nas labores de colleita

    Areeiro pide “extremar os coidados” nas labores de colleita

    O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica aconsella tomar unha serie de precaucións para previr ao máximo a aparición de podremias nos almacéns

    A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de publicar un novo aviso fitosanitario co fin de extremar os coidados e ter precaucións nas labores de colleita para previr ao máximo a aparición de podremias nos almacéns.

    O persoal técnico aconsella tomar unha serie de medidas como retirar os froitos en descomposición caídos ao solo antes de comezar a colleita, pois poden ser un perigo para as persoas que a fan; evitar facer a recolección con choiva ou nas primeiras horas da mañá cando a froita aínda está mollada; arrincar a froita con coidado, mellor co pedúnculo, e procurar non causar lesións ou feridas; nunca mesturar froita sa con outra con podremias, para evitar danos por Cydia pomonella, rachos na pel por moteado, picaduras ou mordeduras, etc., ou manter o lugar de almacenamento fresco, escuro e ventilado para facilitar a conservación.

    No que se refire ás nespereiras o persoal técnico da Estación Fitopatolóxica Areeiro advirte que poden sufrir o moteado, que é unha patoloxía que afecta a moitas destas árbores, sobre todo en anos húmidos. Nestes momentos estas especies teñen a inflorescencia formada e é nesta época cando convén facer un tratamento cun produto de cobre para previr a enfermidade. Se hai choivas deberá repetirse a intervención cando menos despois da formación do froito.

    Pola súa banda, en canto aos cítricos poden estar afectados por Phytophthora. As precipitacións que se rexistraron na última semana de setembro (con choiva acumulada nun día na contorna dos 20-30 l/m2 e máximos de 42-47 l/m2 nalgunha estación meteorolóxica) e primeiros días deste mes, máis as que se poidan producir desde agora, son condicións favorables ao desenvolvemento destes fungos. Areeiro advirte que convén aplicar un tratamento preventivo cun funxicida a base de cobre para protexer ás árbores de posibles infeccións. Ademais deste tratamento preventivo, no outono–inverno hai que evitar que se acumule auga no pé da árbore aínda que se produzan choivas reiteradas e cuantiosas.

    Por outro lado, desde o momento en que aparezan froitos con síntomas de Phytophthora hibernalis, estes deben ser retirados canto antes tanto da árbore como do chan.

    Segundo comprobaron en Areeiro tamén detectouse problemas de Cydalima perspectalis en sebes. Aínda quedan algunhas eirugas activas debido ás temperaturas que se rexistran e maila menor duración do día, que é un dos factores determinantes para que entren en hibernación. Polo tanto, nas sebes con síntomas recentes, o persoal da EFA aconsella revisar os gromos para detectar posibles eirugas alimentándose e valorar así a conveniencia de aplicar un tratamento.

    Buxo con sítomas de ‘Cylindrocladium buxicola’

    No que se refire ao buxo, están empezando a verse os primeiros síntomas de Cylindrocladium buxicola favorecidos polo incremento da humidade ambiental. Este é un fungo que, unha vez que infecta unha planta, non é sinxelo de xestionar polo que nesta época tamén pode aplicarse un tratamento preventivo cun funxicida de cobre. Ademais, para reducir a incidencia da enfermidade son obrigadas unha serie de medidas culturais como son retirar frecuentemente as follas secas, tanto as que se atopan sobre as sebes como as caídas ao chan, garantir no posible a ventilación das plantas e, no caso de facer algunha poda ou corta, desinfectar continuamente as tesoiras.

    Por último, no que se refire ás nogueiras, aquelas que tiveran síntomas e danos provocados por antracnose pode realizarse un tratamento con cobre á caída da folla para reducir a súa incidencia de cara ao ano próximo.

    Pontevedra, 7 de outubro de 2019

    Saúdos

    Gabinete de Prensa

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.