Sábado, 8 Febreiro de 2025

Arbo e Crecente benefícianse da programación cultural de agosto da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra levará a súa programación cultural no vindeiro mes de agosto aos concellos de Crecente e Arbo, con propostas dirixidas a todos os públicos e que se desenvolverán sobre todo nos espazos públicos destes municipios.

Así, Anxo Moure e Servando Barreiro presentarán «A música da auga, contos e cantos do río Miño» o día 11 en Crecente e o 13 de agosto en Arbo. Trátase dun espectáculo ao aire libre que a través da música e a narración pretende divulgar a riqueza fluvial e cultural da provincia, sensibilizando sobre o coidado dos cauces fluviais e dando a coñecer a xeografía do Miño e o seu patrimonio lingüístico, etnográfico e mitolóxico cos nomes dos peixes, das árbores de ribeira, das embarcacións tradicionais, das artes da pesca e da propia toponimia.

En Crecente a actividade terá lugar ás 21 horas no Parque Cuíña, mentres que en Arbo será na praza do Consistorio, ás 20 horas. Moure e Barreiro protagonizarán un pasarrúas musical coa gamela tradicional do Miño e ofrecerán unha sesión de contos e cantigas baseadas no libro “A música da auga”. Durante o seu espectáculo haberá unha exposición de maquetas tradicionais do río Miño (batuxo, barca de pousa, barca das dornas, batela, carocho e gamela).