Sábado, 3 Maio de 2025

ADENCO anuncia a suspensión de todas as actividades das súas Xeiras Micolóxicas

As Xeiras Micolóxicas do Grupo Ecoloxista ADENCO chegarían este ano á súa trixésima primeira edición, realizándose de maneira ininterrompida desde a constitución do colectivo en 1990. As Xeiras son un referente no mundo da micoloxía no sur da Provincia de Pontevedra e supuxeron no seu momento a chegada da ecoloxía á micoloxía, con actividades abertas á sociedade, dirixidas a nenos e adultos, co propósito de descubrir o reino dos fungos, que aínda hoxe esconde segredos destacables.

O Grupo Ecoloxista Adenco, porén, decidiu suspender todos os actos previstos das Xeiras Micolóxicas do ano 2020 por causa da pandemia derivada da Covid-19. Como xa lle comunicou aos seus socios, “a situación sanitaria que atravesamos, as recomendacións que recibimos das autoridades fannos tomar esta decisión, que consideramos a mellor. Vivimos momentos nos que as prioridades teñen que ser, necesariamente, outras. Non parece o mellor momento para xuntarnos, para estar en espazos pechados falando de cogomelos, pese a ser algo que nos apaixona”.

Sabemos que volveremos, pero temos que esperar

“En todo caso, desde o Grupo Ecoloxista ADENCO, como sempre fixemos, recomendamos precaución e moita cautela na recollida de cogomelos para consumo, ademais de respetar a lexislación vixente no tocante á cantidade máxima permitida e ao xeito de facelo e de trasnportar o que apañemos. Estamos diante dunha biodiversidade que vai do microscópico ao estrambótico, pero coa particularidade de que os erros poden pagarse moi caros. Se temos a máis mínima dúbida non debemos consumir ningún cogomelo”.

“Agardemos que o vindeiro ano poidamos facer unha actividade que festexe outro tempo, outra década e outra relación da sociedade actual co Medio”.