Enmarcada na campaña ‘Esteriliza, adopta’, a Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha a iniciativa ‘Abraza un CAAN’, destinada a visibilizar aos cans e cadelas que permanecen no Centro de Acollida e Protección de Animais da Armenteira e promover así a súa adopción. Así, desde esta semana, deputadas e deputados do Goberno están a visitar o CAAN para “abrazar” e retratarse cos animais do centro e dalos a coñecer a través das redes sociais co hashtag #abrazauncaan.
Como explicara a presidenta da Deputación, Carmela Silva, esta campaña está dirixida as emocións que podemos desfrutar cos animais. “Queremos unha campaña de sensibilidade, moi emocional”, explicou, “e subiremos ás redes esa relación directa de emocións e de cariño cos animais”.
Con posterioridade, en canto estean rematadas as obras que se están a realizar no CAAN, que inclúen o acondicionamento dun área de esparexemento, prevese realizar esta acción con escolares dos centros da provincia. “Cando terminen eses traballos –engadira a presidenta– haberá un espazo que permita esa relación directa en liberdade dos cans e cadelas cas nenas e cos nenos. Cremos que hai que concienciar dende o berce para que sintamos aos animais parte da nosa vida”.


A campaña ‘Esteriliza, adopta’ púxose en marcha a finais de novembro do 2019 e, desde entón, acadáronse un total de 69 adopcións, 27 delas neste primeiro mes do ano. Precisamente esta semana dous dos animais da campaña ‘Abraza un CAAN’ saíron do centro cara aos seus novos fogares nas Neves e Salvaterra. Trátase de ‘Oly’, unha dálmata coa que se retratou a deputada Iria Lamas, e ‘Salo’, o yorkshire que puido recuperarse no centro tras ser abandonado en pésimas condicións de saúde en setembro do 2019 e co que se fotografou o deputado Manuel González.
‘Salo’
Hai que lembrar que o CAAN tramitou o pasado ano unha denuncia por abandono contra o anterior propietario de ‘Salo’, que fora atopado en Pazos de Borbén moi afectado pola sarna e co pelo do lombo seco, totalmente pegado pola falta de coidados, o que lle provocara graves infeccións. Afortunadamente, puido recuperarse no centro da Armenteira e en decembro xa estaba en condicións de ser adoptado.


O seu novo dono, Juan Carlos Álvarez, soubo do caso de ‘Salo’ a través dunha amiga que o vira nas redes sociais da asociación madrileña SOS Yorkshires e Cruces, que se fixera eco desta historia do CAAN. Ten xa outros tres cans e non tiña pensado ter máis, pero ao coñecer o abandono e situación do can, quedou conmovido e decidiuse a levalo.
“Eu recomendo cen por cen a opción de adoptar antes de comprar –sinalou Álvarez– , e no CAAN os trámites foron moi sinxelos”. Persoal do centro levou ao yorkshire ao seu novo fogar en Salvaterra e o seu dono destacou que nos primeiros momentos “Salo” parece adaptarse ben. “Parece tranquilo e xa o teño cos outros tres cans para que se vaian coñecendo”, engadiu.
No CAAN permanecen nestes momentos 320 cans e cadelas á espera dun novo fogar. Hai que lembrar que as adopcións no centro son gratuítas e o persoal do CAAN sempre asesora ás persoas interesadas sobre o can ou cadela que mellor se adapta ás súas necesidades. Os animais saen do centro vacinados, desparasitados e esterilizados e na páxina web do centro (que leva máis de 108.000 visitas) as persoas interesadas poden consultar toda a información sobre os animais, ademais de facer todos os trámites relativos ás adopcións.