14.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta supera o obxectivo do 75 % de maiores de 65...

    A Xunta supera o obxectivo do 75 % de maiores de 65 anos vacinados contra a gripe

    A campaña de vacinación antigripal posta en marcha pola Xunta, que comezou o pasado 10 de outubro e que rematará o 31 de decembro, conseguiu estes días, no que atinxe ao colectivo de persoas maiores de 65 anos, unha cobertura vacinal do 75,4 %, chegando, deste modo, ao obxectivo do 75 % marcado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e, tamén, polo Ministerio.

    Así mesmo, os bos datos que está a acadar esta campaña de vacinación reflíctense en que no grupo de persoas maiores de 60 anos, a Xunta xa vacinou ao 69,4 %, o que supón situarse 3,7 puntos por riba da cobertura obtida no peche da campaña de vacinación do ano anterior.

    Compre sinalar que o obxectivo xeral da campaña, á que o Goberno galego destina 8,6 millóns de euros e 1.017.000 doses, é diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas do padecemento da gripe, minimizando o efecto na saúde mediante a súa prevención.

    A Xunta de Galicia ten dispostos para esta campaña en torno a 900 puntos de vacinación entre centros de atención primaria e hospitalaria do Sergas, centros médicos e consultas privadas, residencias da terceira idade públicas ou privadas, así como centros penitenciarios, unidades de atención aos drogodependentes, centros de menores e centros de discapacitados.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.