A Xunta pon a disposición da cidadanía os recursos culturais online da provincia coa campaña #aculturasegue

É posible realizar percorridos 360º en monumentos como os mosteiros de Carboeiro, San Xoán de Poio, Santa María de Oia ou Santa María de Aciveiro

A Xunta de Galicia, a través de todos os seus departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, propón durante este período de confinamento unha programación con abondosas actividades de lecer cultural en rede na provincia de Pontevedra. Trátase de propostas pensadas para toda a familia que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue nos portais e redes sociais de máis dunha vintena de dotación como museos, bibliotecas ou arquivos, entre outros. Con esta etiqueta, o Goberno autonómico convida a sumarse ás institucións culturais do país, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura.

Dentro desta programación destacan as visitas e percorridos en 360º que se ofrecen desde a páxina web de Turismo de Galicia e que permiten coñecer, sen saír da casa, preto de 15 conxuntos monumentais da provincia de Pontevedra, así como a Catedral de Tui, un dos bens de interese cultural máis importantes do Camiño Portugués. Grazas a este recurso tamén é posible visitar unha ducia de mosteiros na provincia, entre os que se inclúe, por exemplo, San Xoán de Poio, Santa María de Oia, Vista Alegre, San Diego de Canedo, San Lourenzo de Carboeiro ou Santa María de Aciveiro.

Cómpre destacar tamén a posibilidade de visitar a través de distintos soportes algúns dos exemplos da riqueza patrimonial de Galicia como supoñen os complexos monumentais como o do mosteiro da Concepción Santa Clara (As Enceradas), o da Visitación para Las Salesas Reales, de Vilavella, San Salvador de Camanzo, Santa María de Armenteira ou o mosteiro de San Pedro de Tenorio. Outros monumentos visitables grazas a este recurso son San Salvador de Lérez, Santo Domingo, San Francisco, Santa Clara ou o convento das Benedictinas de Cuntis.

Máis de 4.500 títulos en GaliciaLe

Paralelamente, aínda que tanto o Arquivo Histórico Provincial como as bibliotecas xestionadas pola Xunta, a de Pontevedra e a de Vigo, non están abertas, seguen a ofrecer variados recursos e materiais de entretemento a través da súa páxina web e redes sociais. Nestas dotacións, ademais de consultar os fondos dispoñibles online, é posible obter préstamos dixitais, sen necesidade de dispoñer de carnet da biblioteca, a través de GaliciaLe, a plataforma de libros, revistas, películas e audiolibros en formato electrónico.

En concreto, en GaliciaLe hai máis de 4.500 títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís, xuvenís e para adultos. Ademais conta cun total de 31 revistas e 300 audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes, curtas ou documentais. Para facilitar o acceso a esta plataforma só será necesario rexistrarse na mesma e non será preciso ter o carné de lector dalgunha biblioteca pública galega.

No interior dos museos

Outra boa opción de actividades de lecer son as que ofrecen os museos e que nalgúns casos, como acontece no Museo Massó, inclúe un percorrido completo polas salas expositivas para contemplar as obras expostas como se se estivera no interior, con información complementaria. O museo de Bueu conta tamén cunha oferta de audiovisuais para difundir o legado do mar.

O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, pola súa banda, ofrece a través da súa páxina web diferentes imaxes e recursos que permiten afondar no patrimonio cultural e paisaxístico a través dalgúns dos máis fermosos e significativos petróglifos de Galicia.

A oferta complétase co Museo do Mar de Galicia, un espazo para coñecer a influencia da actividade pesqueira, das embarcacións e da bioloxía mariña no desenvolvemento da nosa Comunidade que durante a crise do coronavirus continúa operativo a través de internet. Neste centro museístico está exposto o Naomh Gobnait, a embarcación tradicional irlandesa que foi utilizada por un grupo de amigos para peregrinar desde Dublín e cuxa historia se pode coñecer a través de O Camiño por mar, un dos proxectos incluídos en O teu Xacobeo.

Estrea da Bibliografía Xacobea

Como novidade para todas as persoas de Lugo curiosas polo Camiño e a cultura da peregrinación, lánzase a Bibliografía Xacobea, que recompila os traballos realizados por historiadores, filólogos, antropólogos, xeógrafos, arqueólogos etc., de moitos países do mundo. Este traballo académico e investigador ofrécelle ao usuario desta web monografías, teses de doutoramento, catálogos de exposicións e actas de congresos xacobeos. Como exemplo, ponse ao dispor do público interesado as actas dos congresos celebrados desde o ano 1993 polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

Medrar en galego

Para o espallamento, uso e perfeccionamento da lingua galega a Xunta conta con abondosos recursos no Portal da Lingua Galega. Entre estes, paga a pena chamar a atención daqueles dedicados aos máis novos da casa, como os audiovisuais infantís As miñas primeiras Letras Galegas ou Os Axóuxeres, entre outros; recursos musicais que achegan importantes ensinanzas sociais e comunitarias, como Nun mar azul ou No colo da fala, cancións de berce interpretadas por Xabier Díaz, e propostas de diferentes xogos para facer coa xente miúda, dende adiviñas e xogos de iniciación até materiais para imprimir e recursos interactivos. Así mesmo, dispón de audiovisuais e recursos que se poden empregar para un mellor coñecemento, como o Ben Falado, e canles como Galeguizar Galicia, onde podemos atopar múltiples historias interesantes e divulgadores da nosa lingua e cultura.

#aculturasegue

A iniciativa #aculturasegue pretende recoñecer, no medio desta difícil situación, o papel sobresaínte que os nosos creadores, axentes e dotacións culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no fogar, que propicien a consolidación de bos hábitos e prácticas culturais.