23 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta iniciará no vindeiro mes o proceso para regular a entrega...

    A Xunta iniciará no vindeiro mes o proceso para regular a entrega de medicamentos a domicilio

    O conselleiro de Sanidade anunciou, na clausura da Xornada: “Galicia fronte ao coronavirus e a sanidade do futuro”, organizada pola Asociación Española de Dereito Farmacéutico, que, no vindeiro mes, o departamento sanitario galego lanzará a consulta pública previa para empezar o proceso de elaboración do decreto regulador da entrega informada de medicamentos e produtos sanitarios. Un decreto, -dixo o conselleiro-, “en cuxa elaboración teñen que ter participación todos os sectores do mundo farmacéutico, e que debe alcanzar un equilibrio e xerar unha continuidade asistencial, para dar todas as garantías a un prodecemento que facilitará o acceso a fármacos e produtos sanitarios de pacientes crónicos, pacientes de idade avanzada ou que vivan en zonas illadas”.

    O conselleiro sinalou que, na Lei galega de Ordenación Farmacéutica, incluiuse como gran novidade un artigo que regula a entrega informada de medicamentos nos lugares de residencia dos usuarios. Este artigo nos permitiu, -dixo García Comesaña-, “dar cobertura ao sistema extraordinario de prestación farmacéutica que establecemos durante a fase aguda da pandemia, co obxecto de atender a pacientes contaxiados da covid ou en situación de dificultade para desprazarse a recoller medicación de patoloxías non covid”.

    Neste momento no que Galicia acaba de levantar a situación de emerxencia sanitaria, a extensión xeneralizada dese modelo toca ao seu fin pero “non podemos perder o bo que xeramos e as leccións que aprendemos”. En consecuencia, -dixo o conselleiro-, o Sergas Saúde “está xa a ultimar o modelo que substituirá ao anterior e permitirá seguir facilitando a entrega de fármacos aos pacientes cuxa situación asistencial ou persoal así o requira”, de aí que comece a nova elaboración o vindeiro mes.

    Novas prazas de farmacéuticos

    Na súa intervención na xornada, García Comesaña subliñou que os presupostos da Comunidade Autónoma para o vindeiro ano contemplan a creación de 28 novas prazas de farmacéuticos, coa firme convicción de que a súa incorporación vai contribuír enormemente a facer unha mellor distribución de funcións nos centros de primaria.

    Estes profesionais poderán ir asumindo responsabilidades que permitirán ao médico do primeiro nivel asistencial dispoñer de maior capacidade, que é a base para unha atención primaria de calidade. Neste senso, o conselleiro sinalou que o seu departamento comezou tamén o proceso para regular mediante decreto o funcionamento das unidades de farmacia de atención primaria, co obxecto de definir os recursos cos que debe contar e o que poden aportar á asistencia.

    O responsable da sanidade pública galega sinalou que, para a Xunta, a colaboración das oficinas de farmacia galegas na xestión da pandemia “foi imprescindible”. Ao respecto, volveu agradecer aos colexios oficiais e a todos os profesionais de oficinas de farmacia galegas a súa colaboración nestes meses. “Contar cunha lexislación moi modernizada permitiunos innovar e artellar, de forma moi áxil, mecanismos de colaboración que axudaron a que a oficina de farmacia fora máis que nunca durante estes meses, unha extensión do sistema sanitario público”, -dixo o conselleiro-.

    García Comesaña remarcou que as ideas e proxectos para mellorar a sanidade teñen que contar co sector farmacéutico. Ao respecto, no que atinxe á farmacia hospitalaria, o Sergas cre firmemente no seu potencial e agora mesmo está reformando cinco servizos de farmacia hospitalaria (hospitais de Monforte, Ferrol, A Coruña, Santiago e Valdeorras). Tamén contamos, -dixo o conselleiro-, coa farmacia de atención primaria. Así, no Consello Técnico deste nivel asistencial aprobouse un documento relativo aos profesionais da farmacia de atención primaria e, por iso, apostamos por eles como o demostra as preto de 30 novas prazas contempladas nos orzamentos, -concluiu-.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.