21.2 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta facilita ao sector do viño unha aplicación para poder levar...

    A Xunta facilita ao sector do viño unha aplicación para poder levar os seus rexistros de xeito telemático

    A aplicación facilita o cumprimento da normativa europea, que establece que as persoas que manexen produtos vitivinícolas teñen a obriga de levar rexistros das súas entradas e saídas

    A Xunta facilita ao sector do viño a posibilidade de levar os seus rexistros de xeito telemático mediante a aplicación informática Acios (Aplicación Contabilidade Integral Oficial), á que se pode acceder a través da Oficina Virtual de Medio Rural. Con esta ferramenta voluntaria que se pode solicitar en calquera momento contribúese, ademais, ao cumprimento da normativa europea, que establece que as persoas que manexen produtos deste eido teñen a obriga de levar rexistros, entre outros, das súas entradas e saídas.

    Coa ferramenta Acios compleméntase o proceso de modernización tecnolóxica que levan protagonizando nos últimos anos as adegas da nosa comunidade, tanto nos seus procesos produtivos como na súa xestión administrativa. Así, a Xunta desenvolveu esta aplicación informática para facilitarlle ao sector a levanza dixital dos rexistros vitivinícolas, coñecidos habitualmente como Libros Rexistro.

    Esta aplicación tamén facilitará en próximas versións a importación de datos dende as aplicacións propias de contabilidade das adegas, o tratamento de información para a realización de varias declaracións vitivinícolas (Infovi -sistema de información vitivinícola do Ministerio de Agricultura-, declaracións Fogga), así como a xestión de datos de provedores e confección dos contratos de compra-venda de uva. Tamén permitirá o cálculo de balances dos distintos produtos vitivinícolas que elaboren as empresas.

    A Consellería do Medio Rural establecera no seu día normas de aplicación relativas aos rexistros do sector vitivinícola mediante un decreto específico. Esta norma recollía que as persoas físicas ou xurídicas e as agrupacións de persoas que, para o exercicio da súa profesión ou con fins comerciais, tiveran no seu poder un produto vitivinícola, deberían levar unha contabilidade mediante rexistros. Ademais, contemplábase que a dirección xeral competente en materia de calidade agroalimentaria establecería unha aplicación informática de levanza dos rexistros vitivinícolas, que se facilitaría aos operadores comercias que quixeran utilizala.

    Con esta aplicación xa en marcha, os interesados en empregala poderán solicitar o seu uso na xefatura territorial da Consellería do Medio Rural da provincia onde se sitúe a instalación para a que pidan a levanza informática dos rexistros. Na solicitude, que poderán encontrar no anexo desta orde do Diario Oficial de Galicia e presentar en calquera momento do ano, deberán facer constar os Libros Rexistro para os que piden a autorización e os datos das persoas usuarias iniciais que accederán á plataforma. Estas solicitudes débense presentar obrigatoriamente por medios telemáticos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal.

    Cómpre destacar que o sector vitivinícola é unha peza clave do complexo agroalimentario galego e articúlase fundamentalmente en torno ás cinco denominacións de orixe existentes: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras, así como ás catro indicacións xeográficas: Barbanza e Iria, Betanzos, Ribeiras do Morrazo e Val do Miño-Ourense.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.