Sábado, 3 Maio de 2025

A Xunta esixe a retirada do recurso contra a reforma da Lei de Saúde tras non recorrer o Goberno o mesmo texto en Baleares

O titular de Sanidade cualificou de partidista e inadmisible a decisión do Goberno central de interpór un recurso contra a Lei de Saúde galega, cando non o fixo contra un texto idéntico presentado polo goberno das Illas Baleares

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lamentou, esta tarde no Parlamento de Galicia, a “dobre vara de medir” empregada polo Goberno central á hora de aceptar as modificacións propostas polas comunidades autónomas, de cara a modificar os textos das súas leis sanitarias, para optimizar a xestión da crise sanitaria.

Durante a súa intervención, o responsable da Sanidade galega reprobou o feito de que o Goberno central considere que “o Parlamento galego ten menos lexitimidade que o Parlamento balear”, en alusión á aprobación das modificacións introducidas polo Goberno das Illas Baleares, cando se trata, exactamente, dos mesmos parágrafos que están incluídos na lei galega.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, responde no Parlamento de Galicia a unha pregunta dun dos grupos da Cámara, relacionada coa Lei de Saúde de Galicia. Pazo do Hórreo.

García Comesaña remarcou que as decisións adoptadas contra a normativa galega responden “exclusivamente a motivos partidistas”, unha circunstancia “inadmisible” que deixa a Galicia sen as ferramentas precisas para xestionar con maiores garantías a pandemia provocada pola covid-19.

Ante este agravio comparativo, o conselleiro de Sanidade anunciou que, esta mesma mañá, o Executivo galego vén de enviar unha carta aos Ministerios de Sanidade e Política Territorial solicitando a retirada do recurso interposto contra a Lei galega, e o levantamento da suspensión dos artigos referidos á xestión da pandemia.

O conselleiro, solicitou tamén un “mínimo de coherencia” ao Goberno central, ao non comprender como para unha Comunidade Autónoma un mesmo texto normativo é válido, mentres que noutras, é susceptible de recurso