10.4 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta e 12 concellos acordaron investir para manter activo durante dous...

    A Xunta e 12 concellos acordaron investir para manter activo durante dous anos máis o Plan de Transporte da área de Vigo

    A Xunta e 12 concellos acordaron investir case 2,7 millóns de euros para manter activo durante dous anos máis o Plan de Transporte da área de Vigo, tras bonificar máis de 17 millóns de viaxes no autobús interurbano e no transporte de ría.

    A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, asinou hoxe un novo acordo cos mesmos concellos cos que hai 7 anos o Goberno galego puxo en marcha esta aposta conxunta polo transporte público.

    Vázquez Mourelle referiuse ao Plan de transporte da área de Vigo como un “plan social” que, mediante un sistema de integración tarifaria, permite ofrecerlles aos usuarios descontos nos prezos dos billetes, transbordos gratuítos e rebaixas adicionais para usuarios recorrentes e para familias numerosas. E lembrou que na área de Vigo, este plan de transporte ten o atractivo adicional de funcionar, ademais de nos autobuses, no transporte de ría con Cangas e Moaña.

    Ethel Vázquez lembrou que ese sistema, que xa funcionaba na Coruña, Lugo, Santiago e Ferrol, foi tamén un éxito nesta área a pesar de que, a diferenza do resto de cidades, o Concello de Vigo rexeitou participar e, por iso, aquí “o transporte metropolitano está incompleto”. Deste xeito, sinalou, os cidadáns de Vigo acadan na actualidade aforros duns 600 € no transporte público, aínda que poderían conseguir aforros de ata 1.000 euros ao ano de integrarse o Concello de Vigo.

    A titular de Infraestruturas e Mobilidade salientou os datos que acreditan o éxito do Plan, que permitiu bonificar xa preto de 17,5 millóns de viaxes en autobús e en barco, e cuxas vantaxes desfrutan os preto de 80.000 veciños da área que contan coa tarxeta de Transporte. Só neste ano 2021, estímase que serán preto de 2 millóns as viaxes bonificadas, pese o impacto da pandemia nas cifras de usuarios do transporte público.

    Coa renovación deste acordo, a Xunta e os concellos de  Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño e Soutomaior comprométense a destinar conxuntamente case 2,7 M€ para abaratar o transporte público e, con iso, sinalou a conselleira, “facilitar o acceso á sanidade, á educación e ás oportunidades a moitos miles de cidadáns”.

    Ethel Vázquez remarcou que co novo convenio, o Goberno galego volverá asumir o maior peso económico, técnico e de xestión do plan de transporte, achegando case o 90% do investimento, 2,4 M€, que servirán para financiar o 80% dos descontos e o 100% dos transbordos e das bonificacións por recorrencia e para familias numerosas.

    Lembrou, ademais, que a Xunta ofrece transporte público gratuíto aos menores de 21 anos a través da tarxeta Xente Nova, que pode empregarse non só no transporte da área de Vigo, senón tamén nos autobuses interurbanos que chegan a toda Galicia. Así, a conselleira cifrou en máis de 21.000 mozos desta área os que xa viaxan de balde nos autobuses da Xunta e no transporte de ría coa tarxeta Xente Nova, dos que  máis de 10.000 son da cidade de Vigo.

    Puxo en  valor, tamén, o esforzo e a implicación dos 12 concellos asinantes con esta aposta polo transporte público, á que van achegar de forma conxunta 238.000 euros para complementar os 2,4 M€ que achegará a Xunta.

    A titular de Infraestruturas e Mobilidade incidiu na importancia desta medida fundamental na estratexia impulsada polo Goberno galego para consolidar unha mobilidade máis limpa e sostible, que se aprecia, tamén, na recente renovación integral das 3.300 liñas de transporte interurbano de Galicia.

    Ademais, subliñou o traballo que está a facer a Xunta para obter o máximo proveito da chegada do AVE a Ourense, “a falta de información e certeira” do Goberno sobre as previsións da chegada da alta velocidade a Vigo. Salientou que o obxectivo da Xunta é achegar a todos os cidadáns a eses trens rápidos e por iso ultima a construción da estación de autobuses intermodal, que agarda poñer en servizo no primeiro trimestre de 2022.

    Tamén se referiu á reformulación  por parte da Xunta dos horarios dos autobuses na procura da maior coordinación cos horarios do AVE e achegando aos vigueses aos trens de alta velocidade mentres o Goberno non completa o traballo e os estende ata Vigo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.