9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta decreta o Estado de Emerxencia Sanitaria e ordena o peche...

    A Xunta decreta o Estado de Emerxencia Sanitaria e ordena o peche de bares, restaurantes e locais de ocio

    O Consello da Xunta de Galicia, reunido hoxe en sesión extraordinaria, decidiu decretar o estado de Emerxencia Sanitaria no territorio da comunidade autónoma de Galicia, segundo deu a coñecer o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo esta mesma tarde.

    Como medida de choque contra o avance do coronavirus, a partir das doce da noite de hoxe cesarán nas súas actividades os restaurantes e cafeterías, aínda que, como explicaba o presidente do Executivo galego, “poderán seguir prestando servizo de entrega a domicilio ou recollida no local”, se ben neste último caso, a recollida farase “coa distancia de seguridade establecida e a permanencia no establecemento será a estritamente necesaria para recoller o pedido”.

    Outros establecementos afectados polo peche serán os cinemas, teatros, establecementos de xogo, salas de concertos e auditorios, recintos feirais, establecementos de lecer e entretemento, salas de festa, discotecas, pubs, furanchos e centros de lecer infantil amais de pavillóns e recintos deportivos, ximnasios e piscinas e os albergues do Camiño de Santiago.

    Non quedan afectados por este peche os servizos de restauración de establecementos hostaleiros “sempre que se destinen, estritamente aos clientes dos mesmos”, e dos establecementos en instalacións destinados á prestación de servizos públicos.

    Núñez Feijóo explicou que o peche de establecementos “non inclúe ao pequeno comercio de alimentación e produtos de primeira necesidade” polo que poderán abrir froiterías, carnicerías, peixarías, panaderías, farmacias, gasoliñeiras, kioskos e tendas de alimentación. No que atinxe ás grandes superficies, só poderán permanecer abertas ao público “as zonas nas que se atopen os establecementos de alimentación”.

    As medidas excepcionais adoptadas polo Goberno da Xunta de Galicia, afectan tamén aos funerais, establecéndose un aforo máximo dun terzo do permitido e un número máximo de 25 persoas para o acompañamento do cortexo fúnebre.

    O presidente galego adiantou que a partir desta media noite, e ata que se active o Estado de Alarma por decisión do Consello de Ministros, o vicepresidente da Xunta pedirá ao delegado do Goberno en Galicia que “se poñan as forzas e corpos de seguridade do Estado a servizo destas decisións”.

    Máxima lealdade ao Goberno de España

    Na comparecencia ante os medios por videoconferencia, o presidente da Xunta sinalou que as medidas adoptadas hoxe neste Plan de Emerxencia, quedarán sometidas a súa actualización logo de que o Consello de Ministros de mañá active o Estado de Alarma para o conxunto da nación.

    Feijóo foi claro ao sinalar que a postura do Executivo galego “será de absoluta lealdade e máxima coordinación” e, dende o momento en que o presidente Sánchez declare o Estado de Alarma “Galicia estará a orde do que se nos vaia indicando por parte das autoridades estatais”, unha postura que, dixo o presidente galego “xa lle din a coñecer esta mesma tarde ao presidente do Goberno e mañá a voltarei a repetir na conferencia de presidentes”.

    Decisións avaliadas polos expertos sanitarios

    Alberto Núñez Feijóo fixo especial fincapé en que as decisións adoptadas están baseadas “na información que nos trasladaron os expertos sanitarios en base ao coñecemento científico e tamén en base á experiencia previa doutras comunidades máis afectadas que Galicia e a doutros países que comezaron a sufrir a crise hai algunhas semanas”.

    Lembra o presidente galego que organismos internacionais, como a propia OMS “suxiren medidas máis drásticas e máis agresivas para tentar conter o virus” porque –asegurou– “estamos ante unha situación nova e totalmente descoñecida”.

    “O que está claro é que o mellor, o máis efectivo para conter o virus, é o distanciamento social” sinalou Núñez Feijóo que insistiu na necesidade de que non haxa aglomeracións e que, con carácter xeral, “a xente quede nas súas casas respectando unhas medidas para evitar o consagio”.

    A declaración do Estado de Emerxencia Sanitaria é, en palabras do presidente, “unha declaración extraordinaria que poderá implicar a reorganización funcional dos servizos administrativos e as modificacións orzamentarias necesarias para afrontar a emerxencia”.

    Insistiu Feijóo en que é fundamental “unha única coordinación para que as respostas sexan idénticas e uniformes en todos os lugares” e cualificou de “proba complexa” conseguir o “distanciamento social” recomendado pola Organización Mundial da Saúde xa que os galegos e galegas “estamos afeitos estar preto uns dos outros”.

    Actuar con responsabilidade

    Saír á rúa o mínimo posible e de facelo sempre en espazos abertos e pouco frecuentados, son algunhas das recomendacións dos expertos sanitarios e, nesa liña, o presidente da Xunta lembraba que “estamos a sufrir unha ameaza que nos afecta a todos, de todos depende que a superemos e a todos correspóndenos actuar con responsabilidade”

    “Cada persoa, cada institución, cada grupo social ten un papel imprescindible contra este desafío. Todo xesto, todo cumprimento das directrices son pezas insustituíbles na crise que nos afecta. Máis que nunca debemos actuar como un corpo unido, solidario e responsable”, subliñou Alberto Núñez Feijóo

    O presidente remataba sinalando que a pandemia ataca aos organismos físicos “pero ataca á propia sociedade. A falta de cohesión social é un factor que favorecería a propagación porque debilítanos. A unidade capacítanos para dar unha resposta idónea. Cidadanía, persoal sanitario e institucións son os tres vértices necesarios para dar esta resposta”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.