A Xunta apoia ao sector do taxi cunha nova convocatoria de incentivos por importe de 500.000 euros para a adquisición de vehículos adaptados, de emisións cero ou de baixas emisións, o que eleva as axudas concedidas polo Goberno galego a este colectivo a máis de 4 M€ desde o ano 2016.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, informou desta nova convocatoria de incentivos que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia no encontro que mantivo esta mañá co presidente da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi), Manuel Quindimil, e cos membros da xunta directiva.
Segundo remarcou Vázquez Mourelle, o obxectivo da Xunta é reforzar a aposta do sector do taxi pola inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados para cubrir a demanda de desprazamentos das persoas con diferentes necesidades de mobilidade e sumar aos profesionais do taxi tamén ao compromiso activo na loita contra o cambio climático, dotándoos de vehículos menos contaminantes e máis respectuosos co medio.
A titular de Infraestruturas explicou que a liña para a compra de taxis adaptados, os chamados eurotaxis, está dotada con 300.000 euros; á adquisición de taxis de baixas emisións resérvase unha partida de 140.000 euros; e os 60.000 euros ata completar o importe desta convocatoria irá destinada a financiar taxis de cero emisións.
As axudas, que son compatibles entre si, ascenden a 10.000 euros para o caso da compra de eurotaxis; a 6.000 euros para vehículos de emisións cero; e a 4.000 euros para a compra de taxis de baixas emisións.

Ethel Vázquez destacou que con esta nova orde de incentivos a Xunta quere axudar, recoñecer e agradecer o labor dos profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a máis de 3.600 familias e que, pese ás dificultades derivadas da pandemia, fai un esforzo de adaptación continuo.
O Goberno galego continúa así a liña de apoio ininterrompida que vén prestando desde o ano 2016, cando convocou por vez primeira axudas para a adquisición de taxis adaptados, ampliándoa no ano 2020 tamén aos vehículos de baixas emisións ou de emisións cero.
A conselleira subliñou que desde 2016 a Xunta leva concedidos incentivos a este colectivo por 3,6 millóns de euros que facilitaron a compra de preto de 230 vehículos adaptados; de 316 taxis de baixas emisións; e de 15 vehículos de emisións cero. A nova convocatoria que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia, por importe de 500.000 euros, eleva ata máis de 4 millóns de euros os incentivos concedidos pola Xunta a estes profesionais.
Os novos incentivos da Xunta subvencionarán os vehículos adquiridos entre o 1 de outubro de 2021 e a data establecida para xustificar a axuda, ata o 31 de outubro de 2022.
Ethel Vázquez remarcou, como novidades, que serán subvencionables tamén os vehículos adquiridos a través dun contrato de arrendamento financeiro ou ‘leasing’, ademais de ampliarse os medios admitidos para xustificar o pagamento (aceptándose métodos electrónicos, transferencias, cheque bancario nominativo ou tarxeta) para ofrecer aínda máis facilidades aos profesionais do taxi.
A titular de Infraestruturas referiuse á aposta do sector por modernizarse e adaptarse aos novos tempos, a pesar do forte impacto sufrido polas restricións da covid-19, e recoñeceu o seu traballo a prol dunha mobilidade segura no taxi, cumprindo estritamente as medias de prevención establecidas e ofrecendo confianza aos usuarios. Lembrou, neste sentido, as campañas informativas para fomentar a mobilidade segura no taxi desenvolvidas pola Xunta, xunto coas axudas concedidas para instalación de elementos protección fronte á Covid.