10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA provincia de Pontevedra, líder en Galicia en oficinas de turismo con...

    A provincia de Pontevedra, líder en Galicia en oficinas de turismo con “Q” de calidade

    A calidade da atención turística ás viaxeiras e viaxeiros que visitan a provincia de Pontevedra está a ser avalada polo alto número de distincións que reciben as oficinas de turismo ao longo e ancho do territorio. O destino Rías Baixas conta con 12 centros galardoados coa “Q” de calidade concedida polo Instituto de Calidade Turística Española (ICTE), feito que convirte a provincia en líder en Galicia neste eido.

    Actualmente contan coa “Q” as tres oficinas da Deputación de Pontevedra: a sede central de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza, a oficina do aeroporto de Vigo; e a de Armenteira en Meis. Ademais locen o distintivo nove oficinas municipais da rede Info Rías Baixas, concretamente a da Illa de Arousa, Caldas de Reis, Cambados, Casa da Bola en Cangas, A Estrada, Baiona, Nigrán, Casal de Ferreirós  en Poio e Cuntis. A rede está formada por 33 oficinas e o obxectivo da Deputación é sumar progresivamente novos distintivos de calidade turística.

    Ademais, a Deputación de Pontevedra recibiu o ano pasado a “Q” para o museo do castelo de Soutomaior, que se converteu no primeiro recinto museístico de todo o Estado en obter este galardón. A fortaleza foi distinguida tras acreditar a calidade da planificación da actividade museística, prestación de servizos, xestión das instalacións, mantemento e equipamento.

    A “Q” de calidade turística é unha marca de recoñecido prestixio dirixida á certificación de servizos turísticos. Achégalles aos establecementos que a ostentan diferenciación, fiabilidade e promoción a través da Secretaría de Estado de Turismo e das comunidades autónomas. No caso das oficinas, a Deputación de Pontevedra está a facer un importante esforzo para dotar á rede Info Rías Baixas de novos medios destinados á atención ao público e á mellora da xestión turística. Todas elas comparten plataforma tecnolóxica e teñen unha imaxe corporativa común, o que facilita a súa identificación por parte do público e ofrece un servizo homoxéneo en todo o territorio. 

    En canto ao museo da fortaleza de Soutomaior, as súas salas amosan de maneira entretida e didáctica, cun uso de audiovisuais e outros medios punteiros, información acerca da súa historia, dos  e das personaxes ilustres que a habitaron, a súa importancia en Galicia e a integración no contorno paisaxístico.

    O castelo é xa un referente turístico, cultural e do patrimonio histórico da provincia de Pontevedra e está a experimentar un auxe de visitantes. No mes de agosto alcanzou o seu récord, con 8.240 persoas que acudiron a coñecer e desfrutar do atractivo desta impoñente fortaleza do século XII, do museo e do espléndido xardín, o primeiro en recibir a declaración de Excelencia Internacional en Camelia concedida pola Sociedade Internacional da Camelia.

    Recentemente o Museo de Pontevedra pasou a auditoría da “Q” de calidade con moi bo resultado. A Deputación recibirá en 2023 o distintivo para o recinto na gala de entrega que se celebra no marco da Feira Internacional de Turismo (FITUR).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.