Sábado, 3 Maio de 2025

A protesta dos alcaldes e alcaldesas da ‘raia’ consegue a apertura de tres novos pasos na fronteira do Miño

O director Uxío Benítez destaca que a forza e presión da agrupación europea e dos concellos “fixo ver a Madrid e a Lisboa a realidade transfronteiriza e adoptar solucións”

O AECT Rio Minho considerou hoxe “unha grande vitoria do territorio” a decisión dos gobernos españois e portugués de abrir tres novos pasos para traballadores e traballadoras transfronteirizos en Tomiño, Salvaterra e Arbo. Segundo destacou o director da agrupación europea, Uxío Benítez, esta decisión é resultado da presión pública e social liderada polo AECT e os concellos miñotos dun e doutro lado da fronteira. “Conseguimos facer visible en Madrid e Lisboa a realidade transfronteiriza, que dous gobernos de dous estados acordaran unha solución para os traballadores transfronteirizos”, destacou.

O nacionalista indicou, así mesmo, a unión de todos os rexedores e rexedoras dos concellos do Miño que, sen diferenciación de siglas políticas, se puxeron de acordo para realizar dúas protestas simbólicas de grande repercusión nas pontes de Tomiño e Salvaterra co fin de poñer en evidencia unha situación “ilóxica e inxusta”. Lembrou que dende o inicio do peche de fronteiras se pediu unha maior mobilidade, pero que a petición de apertura de máis pasos foi un “clamor” dende finais de abril, cando alcaldes e alcaldesas asinaron un manifesto pedindo máis puntos de paso autorizados e trasladaron un informe da Universidade de Vigo a todos os niveis da administración central e da Xunta de Galicia.

Neste sentido, Benítez foi especialmente duro co papel xogado polo presidente Núñez Feijóo, “totalmente ausente” ante as reclamacións de concellos e das persoas afectadas. “Houbo unha inacción absoluta. O presidente desentendeuse totalmente da situación deixando nas mans dos concellos toda a reivindicación, a pesares de que debería ter activado a súa figura dentro da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, poñéndose á fronte. Abandonou á súa sorte esta parte do país nun momento de crise moi grave. Nin visitou a zona nin atendeu á nosa demanda de reunión. Iso di moito da importancia que para el teñen as relacións con Portugal”, subliñou.

Segundo di o director do AECT, esta medida tiña que ter chegado antes xa que “algúns traballadores e traballadoras se viron obrigados a non seguir nos seus postos”. En calquera caso, agradeceu que se tivera “recapacitado” por parte dos gobernos centrais e comprendido o “ilóxico e inxusto” de que un só punto de pasaxe autorizada tivera que asumir o 50% dos tráficos entre Portugal e España. Lembrou, de feito, que dende o peche das fronteiras ata onte 10 de xuño pasaron polo control de Tui-Valença arredor de 260.000 persoas. “Tomar decisións sobre un lugar como a fronteira do Miño a 600 quilómetros terra adentro sen coñecer as súas peculiaridades non é axeitado, mais valoramos o cambio de postura”, destacou.

Ademais, Benítez tamén quixo sinalar que a apertura de novos pasos non soluciona o problema do comercio transfronteirizo, xa que a meirande parte dos negocios da fronteira do Miño dependen da poboación e clientela do outro lado, polo que concellos e AECT seguirán coas reivindicacións.