11.1 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación defende a importancia de “tender pontes entre todas as administracións...

    A Deputación defende a importancia de “tender pontes entre todas as administracións para a igualdade” no foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’

    A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, defendeu na inauguración a importancia de “escoitar ás mulleres e que haxa máis referentes”

    Reivindicar ás mulleres na comunicación e no xornalismo é o obxectivo do encontro “As mulleres que opinan son perigosas”, organizado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra e que inaugurou onte no Teatro Principal de Pontevedra a súa sétima edición. A deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos; a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, e as coordinadoras do foro, Diana López Varela e Susana Pedreira, foron as encargadas de abrir as xornadas, nunha conversa na que Bastos definiu o encontro como “un referente” e defendeu a importancia de “tender pontes entre todas as administracións para un obxectivo común: a igualdade”.

    Entre hoxe e mañá danse cita na sétima edición deste foro catorce profesionais de diferentes perfís, tanto de Galicia como do resto de España, que converten o Teatro Principal no punto de encontro para visibilizar e reivindicar o espazo que as mulleres merecen no xornalismo e nos ámbitos de poder e de opinión. “É moi importante escoitarvos e que haxa máis referentes como todas as mulleres que van estar nestas xornadas”, asegurou Sandra Bastos.

    Na inauguración, a responsable provincial de Igualdade reiterou o apoio da Deputación, “aquí estamos, estivemos e estaremos”, e a importancia de “aprender, escoitar e abrirse á igualdade máis ampla, máis cordial. E defendendo realmente ese termo en todos os ámbitos”. Desde que comezou “As mulleres que opinan son perigosas” en 2018 xa pasaron por este encontro 75 profesionais do xornalismo e da comunicación, converténdoo nunha marca de referencia no xornalismo de opinión de toda España.

    14 poñentes en dúas xornadas

    Despois da inauguración de “As mulleres que opinan son perigosas”, esta mañá foi a quenda de Carolina Sertal e Carmen G. Magdaleno, gañadoras do I Premio de Opinión #MulleresQueOpinan, e de Lula Gómez, guionista, podcaster e realizadora audiovisual. Pola tarde subirán ao escenario do Teatro Principal Nercedes Corbillón, de Diario de Pontevedra e La Voz de Galicia; Jazmín Abuín, xornalista, cómica e actriz, Diana Oliver, xornalista especializada en maternidade, infancia e saúde, e Lucía Méndez, de El Mundo.

    A xornada de mañá comezará ás 12:00 horas con Ana G. Liste, de praza.gal e continuará con Patricia Fernández de Lis, redactora xefa en El País e directora de Materia, e Isabel Cadenas Cañón, xornalista, escritora e documentalista sonora. Xa pola tarde será a quenda de Claudia Morán, de Nós Diario; Noor Ammar Lamarty, activista xurídica e podcaster; Mariola Cubells, de La Ventana da Cadena SER e Huffington Post, e Olga Viza, xornalista e presentadora de televisión, que porá o broche de ouro a esta sétima edición falando de xornalismo deportivo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.