Sábado, 8 Febreiro de 2025

A Deputación da os primeiros pasos para que a Escola de Cantería poida contar con titulacións oficiais

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra ven de aprobar o proxecto básico e de execución e realización das obras de adaptación da Escola de Cantería á normativa vixente. Os traballos previstos, que terán unha duración de seis meses, son fundamentais cara a acadar o obxectivo da institución provincial de que a Escola poida impartir titulacións oficiais.

Carmela Silva explicou que “cando licitamos o proxecto xa informei que todos os espazos e instalacións da escola teñen que cumprir coa normativa, que é imprescindible para logo facer diferentes actuacións. E dende logo, para poder poñer en marcha todo o que significa que poida ter titulacións oficiais a Escola, tanto a nivel galego como estatal, é fundamental ter estas obras realizadas. E tamén para poder solicitar licenza, que é un paso vinculante para poder facelo”. Nese senso, a presidenta da Deputación lembrou que o actual Goberno da Deputación herdou a Escola de Cantería sen a licenza de actividade “e iso impide tomar moitas decisións que son fundamentais. Pouco interese tiña o anterior Goberno que en corenta anos nin sequera redactaron un proxecto para poder solicitala, o que amosa unha forte irresponsabilidade”.

Máis polo miúdo, os traballos que realizará a adxudicataria, Civis Global S.L.U. e que están presupostados en máis de 400.000 euros, comprenden distintas actuacións centradas no illamento acústico, na mellora das condicións de accesibilidade e seguridade do centro, así como na instalación eléctrica.