Sábado, 3 Maio de 2025

A Deputación colabora, un ano máis, coa Fundación Érguete cunha achega de 10.000 euros para o proxecto ‘Érguete Emprega’

A deputada Olga García as instalacións do Baixo Miño onde se desenvolve o programa de integración socio laboral

A deputada de Cohesión Social, Olga García, visitou o mércores as instalacións da Asociación Érguete Baixo Miño nas que se desenvolve o Proxecto ‘Érguete Emprega’,integrado no seu Programa de Inserción Socio Laboral 2021 para o que a Deputación de Pontevedra destina este ano 10.000 €. O proxecto, que conta cun período de actuación anual, está a beneficiar a 10 persoas drogodependentes e exdrogodependentes de Tomiño, A Guarda, O Rosal e Oia.

‘Érguete Emprega’ está pensado para acadar a integración social e laboral das persoas afectadas a través de estratexias que facilitan o desenvolvemento das súas habilidades persoais, sociais, culturais e formativas. Así, os seus obxectivos principais son a adquisición dos coñecementos e habilidades necesarias para atopar un emprego, a planificación dunha vida laboral e a aceleración deste proceso. A metodoloxía do programa está fundamentada nunha intervención total que propicia a implicación dos e das participantes no proceso de integración socio laboral, prestando unha maior atención aos perfiles máis desfavorecidos e tendo en conta a perspectiva de xénero.

O proxecto partiu dunha avaliación inicial das necesidades de formación e capacitación dos e das participantes mediante entrevistas individuais. Grazas a elas, deseñáronse Programas Individualizados de Intervención (PPO) que se consensuaron con cada un deles e se enfocaron á mellora da súa autonomía e calidade de vida co fin de dar resposta ás preguntas de a onde queren chegar, cando e como. Na actualidade e ata o mes de outubro, completarán o seu traballo no obradoiro “Non te pares – Érguete!!”, no que formarán parte de talleres gratuítos de formación práctica sobre ferramentas e actitudes necesarias para aumentar a confianza en si mesmos e diminuír o temor ao rexeitamento social e laboral. Finalmente, durante novembro e decembro terá lugar a supervisión e autoavaliación respecto á empregabilidade e integración dos e das persoas participantes, así como a súa futura orientación e achega de recursos de formación e emprego específicos.

A Fundación Érguete Baixo Miño constituíuse na vila de A Guarda en xuño de 1990 coa finalidade de axudar ás familias que tiñan problemas relacionados co consumo de sustancias. Na actualidade trátase dunha entidade sen ánimo de lucro que traballa na comarca nos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Oia.