11.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación aoproba 1,5 millóns de euros en investimentos para 12 concellos...

    A Deputación aoproba 1,5 millóns de euros en investimentos para 12 concellos da provincia

    As achegas da Liña 1 do Plan Concellos permitirán a Ponte Caldelas, Ponteareas, Cambados, Mondariz Balneario, Tomiño e Soutomaior acometer obras de mellora en infraestruturas e equipamentos públicos

    No marco da súa liña de apoio para a dotación de recursos aos concellos da provincia, a Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno unha nova relación de achegas correspondentes ao Plan Concellos por importe de 1,5 millóns de euros, que entre as súas tres liñas beneficiarán a doce municipios: Ponteareas, Cambados, Mondariz Balneario, Ponte Caldelas, Tomiño, Soutomaior, Redondela, Bueu, Cuntis, Gondomar, O Grove e Salceda de Caselas.

    Preto dun millón de euros se corresponden con oito achegas da Liña 1 de Investimentos, destinadas a Ponte Caldelas, Ponteareas, Cambados, Mondariz Balneario, Tomiño e Soutomaior. O Concello de Ponteareas recibirá dúas subvencións, unha de 129.470 euros para acometer a substitución parcial de material da cuberta da piscina municipal, e outra de 113.595,66 euros que lle permitirá abordar unha rehabilitación na Casa Cultural de Arnoso, destinada a acadar a mellora da eficiencia enerxética, de accesibilidade, funcionalidade e conservación deste inmoble.

    Tamén Ponte Caldelas percibirá dúas subvencións, unha de 134.901,24 euros para acometer a mellora dos itinerarios peonís na estrada do Balneario, e outra de 86.246,87 para realizar a reforma da avenida de Galicia, na que se sitúa Concello, cun proxecto de humanización deseñadas para garantir a mobilidade peonil e a accesibilidade.

    Tomiño recibirá 238.287,87 euros que lle permitirán abordar a primeira fase das dotacións deportivas previstas na contorna da Alameda de Goián, mentres que Mondariz Balneario contará cunha achega de 68.603,95 euros con destino ao acondicionamento e mellora do Centro de Saúde. No caso de Soutomaior, a Deputación concedeulle unha achega de 115.000 euros, cos que poderá financiar a humanización da contorna do Centro Multiusos de Arcade e, por último, Cambados recibirá 98.309,17 euros para acometer a capa de rodadura do viario de acceso a depuradoras pola costa.

    Amais, a Xunta de Goberno aprobou unha nova relación de subvencións ao abeiro da Liña 2 do Plan, por importe de 321.872,24 euros, coas que os concellos de Bueu, Cambados, Cuntis, Gondomar, O Grove, Redondela, Salceda de Caselas e Soutomaior poderán abordar o pago de facturas, realizar tarefas de limpeza e mantemento de distintos servizos municipais e tamén financiar diversas actividades de índole cultural e deportiva. No caso de Redondela abordará con esta achega a elaboración un plan de reactivación local para paliar os efectos da crise da Covid-19 e outro específico dirixido ao comercio local.

    Por último, no que se refire á Liña 3 de Emprego, o Concello de Redondela recibirá unha achega de 213.145,71 euros para contratar a un total de 13 traballadores e traballadoras.

    A Deputación de Pontevedra ten xa concedidos 27,6 millóns de euros do Plan Concellos 2020. Desta cantidade, 16,8 corresponden a achegas aos municipios concedidos ao abeiro da Liña 1 de Investimento; 2,1 millóns da Liña 2 e 8,6 millóns na Liña 3 de Emprego.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.