A deputada de Cohesión Social, Olga García Ballesteros, e a deputada de Xuventude, Ana Laura Iglesias, veñen de visitar a sede de Cogami (Federación Provincial de Asociacións de Persoas con Diversidade Funcional da provincia de Pontevedra) coa que a institución colabora cunha achega de 40.000 € para a posta en marcha do Servizo de atención integral a persoas con diversidade funcional da provincia. A través desta iniciativa subvencionada pola Deputación estanse a beneficiar aproximadamente 3.340 persoas, de xeito directo e indirecto,das comarcas de Pontevedra, O Baixo Miño, O Condado-Paradanta, Vigo, O Salnés e Deza-Terra de Montes.
O Servizo integral a persoas con diversidade funcional que presta Cogami ao longo do ano inclúe dende aspectos relacionados coa rehabilitación da linguaxe, ata coa rehabilitación física e información e asesoramento. En canto á rehabilitación da linguaxe e física, as intervencións realízanse empregando diferentes praxes e actividades de fisioterapia tanto nas propias entidades que integran a federación como no domicilio das persoas usuarias.

Pola súa banda, no que respecta á información e asesoramento, organízanse xornadas de sensibilización e diferentes actividades encamiñadas a fomentar a autonomía e independencia das persoas con diversidade funcional, así como actividades preventivas, de apoio psicosocial ou de calquera outra índole para dar cobertura ás necesidades detectadas entre as e os usuarias/os. Tamén se contempla a realización de campañas de sensibilización e o acompañamento e axuda ás persoas con diversidade funcional na realización de proxectos, trámites e actividades, na asistencia a reunións, na participación en actos sociais.
Cogami, a Federación Provincial de Asociacións de Persoas con Diversidade Funcional da provincia de Pontevedra, está conformada por 16 asociacións de persoas con diversidade funcional das comarcas de Pontevedra, O Baixo Miño, O Condado-A Paradanta, Vigo, O Salnés e Terra de Montes-Deza. Naceu no ano 1990 e dende aquela está a potenciar o movemento asociativo ata agrupar as preto de 60 entidades da actualidade que traballan para recoñecer e promover os dereitos das persoas con diversidade funcional.