Sábado, 3 Maio de 2025

A Consellería de Sanidade acolle unha formación para a prevención do suicidio

O salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu onte a segunda sesión do módulo presencial do denominado adestramento de “Gatekeepers”, que se inclúe no programa Vi-Da (Vixiantes de Axuda), dentro do Plan de Prevención do Suicidio de Galicia.

O programa, que coordina a dirección xeral de Asistencia Sanitaria da Consellería de Sanidade e a dirección xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude, conta coa participación de técnicos da Fundación Lar pro saúde mental.

O obxectivo do programa Vi-Da é a prevención e detección da depresión e da coduta suicida en menores, especialmente aqueles que presentan factores de risco de problemas de saúde mental. Nos módulos de adestramento como o celebrado onte participan profesionais que traballan en centros xestionados pola Consellería de Política Social para a atención aos menores integrados no Sistema de Protección. Estes profesionais reciben formación sobre detección, avaliación do risco suicida, toma de decisións e derivación a intevención sanitaria.