21.6 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Cátedra de Feminismos 4.0 fai achegas de investigación a nove proxectos...

    A Cátedra de Feminismos 4.0 fai achegas de investigación a nove proxectos universitarios

    Imaxe de arquivo da presentación das axudas Cátedra de Feminismos 4.0

    Xa se coñecen os proxectos universitarios de investigación que veñen de ser beneficiados cos 30.000 € da convocatoria de axudas da Cátedra de Feminismos 4.0 da Deputación de Pontevedra e da Universidade de Vigo deste ano 2021. Trátanse de nove proxectos, tres máis que o pasado ano, centrados na promoción dos estudos feministas ou de xénero no ámbito da cultura e da sociedade dixital que van recibir entre 5.500 € de contía máxima e 1.750 € de mínima para afondar nas súas investigacións.

    O proxecto que acadou a maior puntuación e contía das axudas é “Alumnas e alumnos de segundo curso de bacharelato científico-tecnolóxico de Galicia diante das enxeñerías e das tecnoloxías: unha imaxe estereotipada?”. Seguidamente atópanse “Mulleres pontevedresas na rede II. Análise do discurso de odio e outras violencias contra xornalistas e políticas”; “Identificación de comentarios sexistas nas redes sociais mediante técnicas de Intelixencia Artificial”;  “Estudo dos espazos virtuais dos museos e centros de arte galego desde a perspectiva de xénero”; “Frida-Axente conversacional feminista orientada á diagnose do deterioro cognitivo leve”; “Cóntancho as matemáticas: un estudo de xénero”; “MULIER. Mulleres silenciadas en tempos dos primeiros Trastámara de Castela”; “Sesgos na Intelixencia Artificial: posibles solucións para a elaboración de algoritmos éticos nas políticas públicas desde a óptica do Dereito Administrativo” e “Mulleres nas STEM: Análise forense da calidade da inserción laboral das graduadas en STEM e PECS”.

    A terceira edición das axudas de investigación da Cátedra de Feminismos 4.0, en réxime de concorrencia competitiva, estaba aberta a axudas ao financiamento de proxectos de investigación dos campus de Pontevedra e Vigo da Universidade de Vigo centrados no deseño de apps con perspectiva de xénero, cibersororidade, analítica dixital, androcentrismo dos algoritmos, imaxinarios de xénero, pensar para internet, o xénero nas redes sociais, network feministas, violencias de xénero nas redes, arqueoloxía e agronomía dixital, arte e deseño dixital, xénero nas redes sociais, sexismo nas redes, hacker ético e feminista, historia das científicas e programadoras, as geekgirls, mulleres nas STEM ou análise de datos sociais.

    O pasado ano beneficiáronse destas axudas seis proxectos entre os que se atopaban “Percepcións do alumnado de bacharelato sobre as enxeñarías: por que aínda non é unha opción para elas?”, “Mulleres pontevedresas na rede. Análise do discurso, micromachismos e discurso de odio en Twitter”, “Microaprendizaxe feminista corporativa”, “Vocacións matemáticas na última etapa de educación primaria; perspectiva de xénero”, “Instagram: imaxinarios de xénero da mocidade. Estudo comparativo entre espazos virtuais dos campus galegos” e “Intelixencia artificial e xénero: bases éticas e problemas de sesgo de xénero na elaboración de algoritmos para políticas públicas e procedementos administrativos”.

    Xunto a estas axudas a proxectos de investigación, que a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo impulsan por terceiro ano consecutivo, este ano tamén se van poñer en marcha outras moitas iniciativas no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 como a segunda edición dos premios GirlGeek Covid,  o terceiro workshop “Sociedade dixital e xénero: Hackeando o patriarcado”, o Comité de Sabias, o “Laboratorio de ideas”, o Observatorio Virtual de machismo dixital “Stop machistroles”, así como produtos dixitais didácticos e divulgativos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.