Se hai algún xeito de definir a xornada electoral de o domingo é de claro cambio de tendencia que leva, polo tanto, ao obrigado cambio de cor en moitos dos concellos. Nalgúns casos ‘era visto’ que dirían as xentes desta terra; noutros nin era previsible nin esperado e aínda así aconteceu. Caen maiorías absolutas que parecían firmes e asentadas e aparecen novas maiorías onde menos se espera e que, dalgún xeito, amosan o cansazo da cidadanía ante determinados xeitos de gobernar. Así, mentres PP recupera moito terreo perdido nas pasadas eleccións e BNG mantén o pulso, o PSOE influído pola tendencia á baixa que sofre a nivel estatal, perde alcaldías e parece obrigado a facer un fondo exercicio de autocrítica.
Con todo, o que se entresaca dos resultados de onte é que as veciñas e veciños que entre elección e elección permanecen calados –pensan algúns, erradamente, que aletargados– toman nota, apuntan para que non se lle esqueza nada e, chegado o momento utilizan a súa arma, o voto, para poñer e quitar razóns.
Chegarán agora as valoracións das e dos candidatos –nas que curiosamente ninguén parece perder– e tamén un tempo no as noticias sobre reunións para acadar pactos que a uns lles permitan chegar ás alcaldías e a outros non perder o sillón, serán as que copen as portadas dos xornais. A cidadanía dixo o que tiña que decir. Agora é a quenda de que a autodenominada ‘clase política’ saiba entender a mensaxe.
O CONDADO
O Condado foi nestes últimos anos un dos referentes da política municipal do BNG –gobernando en Ponteareas, As Neves e Mondariz– é un dos grandes prexudicados trala chamada as urnas de onte. No caso de Ponteareas, o PP recupera espazo –non tanto como cabería esperarse do desembarco de Nava Castro– mentres que o BNG paga tanto o desgaste de catro anos de Goberno nos que Ponteareas sufriu unha transformación radical, coma a continua campaña de acoso é derribo ao que foi sometido por parte dos sectores máis retrógados e reaccionarios para os que non poder chegar en coche ata o centro mesmo do casco urbano supuña, ao parecer, un ataque contra a propia identidade de Ponteareas.
Mentres o PSdeG-PSOE, mantén a súa tendencia a baixa a pesar de contar, como cabeza de lista, con un home curtido en mil batallas políticas como Delfín Domínguez Cerdeira.
As Neves e Mondariz, os outros dous referentes nacionalista na comarca experimentaron situacións similares. Nas Neves o PP gaña dous concelleiros mentres que o BNG perde un, unha situación que non sería crítica para o goberno de coalición BNG-PSOE –que quedarían a expensas do concelleiro dos independentes de AENE– senon fora polo descalabro dos socialistas que perdían dous concelleiros, quedándose cun único representante e deixando aos populares cunha maioría absoluta que facía que non gozaban.
En Mondariz, como dicía a mini serie da TVG ‘era visto’. Os independentes de Alternativa por Mondariz de Xoan Carlos Montes Bugarín volvían a ser a lista máis votada. Tamén o foron no 2019 e nunha situación rocambolesca, tan estraña como ridícula –proba evidente que a realidade supera sempre con moito a ficción– os votos do PP dábanlle á alcaldía ao BNG. Queda agora no aire a incógnita de saber se os populares de Mondariz volverán a facer exercicios de funambulismo político ou, simplemente, escoitarán á voz dos veciños que por segunda vez consecutiva elixen a Xoan Carlos Montes ‘Calis’ como candidato máis votado.
Queda, finalmente, Mondariz Balneario. Ay! ese Mondariz Balneario no que unha persoa que teña 40 años non haberá coñecido máis alcalde que José Antonio Lorenzo. ‘Corenta anos son máis que suficientes’ deberon pensar os votantes así que, papeleta en ristre, quitáronlle dous concelleiros ao PP –deixándoo o 2– e decidiron engadirlle eses guarismos aos 3 representantes dun BNG que, por primeira vez na historia do municipio, gobernarán e non só gobernarán senón que o farán con maioría absoluta. Como en política nada pasa por casualidade, esa maioría é froito do traballo da candidatura encabezada por César Gil que será o novo rexedor local. É, para o BNG, unha luz entre a tormenta desatada no Condado.
A PARADANTA
No que á comarca da Paradanta atinxe, poucos cambios. Ningún de feito aínda que é un ‘ningún’ con matices.
Fronte a Arbo, Crecente e Covelo, feudos indiscutibles do PP con maiorías absolutas que no caso de Arbo increméntase –de 6 a 8 concelleiros–, en Crecente baixa –de 8 a 7– e en Covelo se mantén sen cambios, A Cañiza tínguese de vermello para darlle a maioría absoluta ao PSdeG-PSOE de Luis Piña que, ata o momento, gobernaba co apoio de Ciudadanos.
Referéndase deste xeito o labor realizado polo rexedor socialista para poñer A Cañiza no mapa e traballar para convertelo nun espazo de turismo natural de referencia en Pontevedra. Ao mesmo tempo e, co seu voto, a cidadanía expresaba o apoio a un Goberno bombardeado de todos os xeitos posibles por un PP local que xamais soubo acatar o veredito das urnas.
LOURIÑA
A Louriña volve a ser popular… no sentido máis político do termo. Nidia Arévalo en Mos, que dende a súa chegada á alcaldía a través dunha moción de censura de dubidosa moralidade que vulneraba o pacto antitransfuguismo que tiñan asinado PP e PSOE en Madrid, encadenou marioría absoluta tras maoiría absoluta, segue sen perder forza e reafirma esa maioría gañando un concelleiro pasando de 9 a 10. Mentres, o crecemento do BNG que pasa de 1 a 3 representantes, deixa en evidencia a caída dos socialistas que perden un escano e reducen a 4 a súa presenza.
No Porriño dánse, posiblemente, un dos datos máis espectaculares desta xornada electoral. O PP de Alejandro Lorenzo, chegado á alcaldía a través dunha moción de censura –máis que xustificada dito sexa de paso–, duplica a súa representación –de 8 a 16 escanos– facendo desaparecer do mapa político ás formacións independentes, quitándolle dous concelleiros ao PSOE –que pasa de 4 a 2 escanos– e só o BNG, que incrementa en 1 a súa presenza –de 2 a 3– mantén o pulso.
En Salceda de Caselas a alcaldía estará a expensas dos pactos que poidan acadarse entre as forzas progresistas logo de que, unha vez máis, o PP de Santiago Rodríguez Davila sexa a lista máis votada e, unha vez máis, poida quedarse sen gobernar.
Movemento Salceda, pola súa banda, non acusa o desgaste da súa labor de Goberno e Loli Castiñeira mantén os catro concelleiros cos que xa contaba mentres que o PSOE de Verónica Tourón perde un concelleiro, unha perda achacable máis á tendencia xeral á baixa do Partido Socialista nestas eleccións, que a súa labor de Goberno. O BNG que levaba anos desaparecido da corporación salcedense, irrumpe con un escano e, co seu voto, será o que decida o destino da alcaldía.
BAIXO MIÑO
Poucos cambios no Baixo Miño pero, certo é, significativos. Tui, é o concello onde acuñouse a expresión ‘atomización do voto‘ dado que foi quen de ter, en determinados momentos da súa historia, sete partidos diferentes nunha corporación de 17 concelleiros que daban lugar a gobernos de coalición cunha amalgama de personalismos que facían difícil, senón imposible, a xestión do Concello. Pese a que as pasadas eleccións eran seis os partidos con representación municipal, os oito concelleiros do PSOE –quedaban literalmente a un voto da maioría absoluta– deu catro anos de estabilidade no Goberno polo que a baixada de 2 concelleiros fai pensar que responde a esta tendencia xeral do partido socialista que a propia labor de goberno en si.
Pola súa banda o PP, totalmente renovado, recupera un importantísimo espazo duplicando a súa presenca o mesmo que o BNG mentres que os independentes de C21 manteñen o seu escano. Mal terían que ir as negociacións para que a cidade fronteiriza non teña, no vindeiro mandato, un goberno de coalición PSOE-BNG.
Tomiño e O Rosal nestes últimos catro anos feudos e referentes do nacionalismo no Baixo Miño, seguen cun BNG forte aínda que cunha lixeira tendencia a Baixa que en Tomiño case fai perigar a maioría absoluta de Sandra González –que baixa de 11 a 9 escanos– mentres que o PP incrementa a súa represencación –de 4 a 6– e o PSdeG-PSOE mantén os seus dous escanos.
Anxela Fernández Callís, no Rosal, perde a maoría absoluta que lle arrebatara ao PP nas pasadas eleccións –baixa de 7 a 6–, escano que gaña o PP para igualar ao BNG que deberá contar có unico concelleiro do PSOE para manter o Goberno.
A Guarda é cuestión aparte. O PSOE, que ata agora gobernaba da man de Antonio Lomba –máis preocupado en gobernar con honradez, sensatez e conseguir cousas para o seu concello e a súa veciñanza que de vender os logros acadados–, sofre unha importante perda de apoios e cae de 5 a 3 representantes, os mesmos que gaña o PP para situarse nos 8 concelleiros. Os pactos dependerán da vontade que nacionalista e socialistas teñan para chegar a acordos –non acabaron precisamente amigos durante os meses en que gobernaron xuntos neste mandato– e, aínda así, dependerán do voto do concelleiro independente de ESCO que se converte en árbitro da contenda.
VAL MIÑOR
Baiona é outro dos concellos que, logo da xornada electoral de onte, sofre un cambio radical. Certo é que dito cambio non é tanto debido á discreta baixa do PSOE do alcalde Carlos Gomez, como a debacle das demáis forzas con representación no Concello. Gaña o PP de Jesús Vázquez Almuíña non só da perda dun dos 6 concelleiros socialistas, senón que tamén apropiase dos 2 escanos de NB, o único que tiña Ciudadanos e 1 que perde o BNG pasando os populares de 6 a 11 concelleiros e dispoñendo dunha holgada maioría absoluta.
Nigrán que tiña unha ampla maioría, a mira reducida en dous –baixando de 13 a 11– escanos que se distribúen a partes iguais PP –que pasa de 4 a 5– e o BNG que entra novamente na corporación cun único representante.
Gondomar, onde Paco Ferreira gobernaba comodamente apoiado nunha maioría absoluta de 9 concelleiros, un dos concelleiros mentres que os Populares incrementan a súa representación –de 4 a 6– e Manifesto Miñor e BNG manteñen os seus mesmos datos das anteriores eleccións. A gobernabilidade do Concello queda agora en mans dunhas negociacións que se prevén complexas dadas as diferencias, tanto persoais coma políticas, que manteñen o socialista Paco Ferreira e o cabeza de lista de Manifesto Miñor, Antonio Araújo.
REDONDELA
En Redondela a volta de Javier Bas, o exalcalde que asegurou abandonar a política para logo aparecer de deputado no Congreso e agora voltar de candidato –sen renunciar aínda ao seu escano en Madrid– non foi, nin de lonxe, o revulsivo que o PP esperaba para a vila do choco.
O PSOE de Digna Rivas mantén os seus 7 escanos e aguanta deste xeito un mandato no que tivo que soportar o continuo bloqueo por parte da Xunta, de todos os proxectos importantes para o municipio co “silencio cómplice do PP local” como en máis dunha ocasión asegurou a rexedora local. Pese a todo, a suba do BNG de Xoán Carlos González –de 2 a 3 concelleiros– e a baixada de AER, que se queda cun único representante, deixa aberta agora a porta á pregunta do millón: que AER será o que resulte destas eleccións? o que mantivo durante 8 anos aos dous gobernos de Javier Bas ou o que, no pasado mandato, cogobernou con bo criterio e mellor facer buscando un goberno de progreso? Esa e a gran incógnita.