As respectivas concelleiras de Asuntos Sociais de Nigrán e Baiona, Bibiana Peixoto e Concepción Vara, reuníronse esta mañá con técnicos da Asociación Arela, Eva Piñeiro e Julio Barreiro, de cara a promover entre a súa veciñanza o programa ‘CONVIVE.COMigo’, unha iniciativa na que esta entidade e Xunta de Galicia buscan conseguir persoas ou familias que queiran convivir cun/cunha adolescente que teña a obriga de cumprir unha medida xudicial (convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo).
Desde o Concello de Nigrán e Baiona resaltan o interesante desta intervención con adolescentes nun contexto natural como é o das familias. Ambos Concellos queren comprometerse con esta iniciativa dándolle difusión entre a veciñanza de cara a ter un ‘banco’ de persoas dispostas. A través deste programa búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade cara a adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades. A través dun ambiente socializador e positivo permitiralles ás/aos adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.
Os requirimentos para formar parte deste programa son os seguintes: ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda axeitada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade… Á súa vez, valorase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia, formación de carácter xurídico …
ARELA ofrece unha formación grupal e individual e asesoramento con acompañamento de profesionais e un financiamento de 40€ diarios durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa. Desde a Páxina web de ARELA (www.arela.org) pódese consultar máis información sobre este programa, así como dende o seu teléfono da súa sede central, 986 21 25 37 ou a través do correo electrónico [email protected].
ARELA (www.arela.org) é unha asociación que leva traballando en Galicia dende o ano 1998 con infancia e adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, prestando diferentes servizos: Casas de Familia, Centros de Atención de Día Integral e Centros de Intervención Educativo en Medio Aberto (CIEMA) coa Consellería de Política Social.