Sábado, 3 Maio de 2025

Sabarís acollerá o vindeiro domingo 19 de setembro, a terceira edición do rastro familiar ‘MercadiYO’

O vindeiro domingo 19 de setembro, a Avenbida Julián Valverde de Sabarís acollerá a celebración da terceira edición do rastro familiar ‘MercadiYO’, festa da reciclaxe. Trátase dunha orixinal iniciativa que se desenvolve baixo o lema “o que a ti sóbracha, outros o necesitan” no que os participantes expoñerán nos seus postos todo aquilo que se adoita gardar no trasteiro.

Esta actividade está dirixida a particulares, familias que desexan facer limpeza e desfacerse de todo aquilo que xa non usan e que, probablemente, nin lembraban que o tiñan gardado nalgún recuncho da casa.

Entre o que se poderá descubrir este domingo, 19 de setembro, están pezas de roupa, accesorios, aveños domésticos, obxectos persoais, xoguetes … que se teñen por casa e xa non se utilizan, pero poden ter unha segunda vida en mans doutra persoa.

Para a celebración desta terceira edición contamos coa colaboración do Concello de Baiona, que acolleu con gran entusiasmo o evento organizado pola Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (COEMSA).

Desde as 11:00 ata as 21:00 horas os participantes instalaranse e venderán os seus “tesouros escondidos” ao longo da Avenida Julián Valverde.

Será unha fermosa xornada de ambiente familiar e educativo na que as e os máis pequenos e a mocidade poderase concienciar da prolongación da vida útil das cousas, unha práctica que nun tempo pasado era bastante común e que cada vez está máis en desuso.