Sábado, 3 Maio de 2025

Sabarís acolle, o vindeiro 18 de setembro, unha nova edición do rastro familiar «MercadiYO»

O lema co que naceu esta inciativa define claramente o MercadiYO, Festa da reciclaxe de Sabarís, Baiona: “o que a ti che sobra, outros o necesitan”. Baixo esta filosofía, as e os participantes expoñerán nos seus postos todo aquillo que se adoita gardar no faiado. A cita, o domingo 18 de setembro ao longo da avenida Julián Valverde.

Esta actividade está dirixida a particulares, familias que desexan facer limpeza e desfacerse de todo aquilo que xa non usan e que, probablemente, nin lembraban que o tiñan gardado nalgún recuncho. As persoas interesadas en participar, so teñen que poñerse en contacto coa Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor, OVALMI, antes do día 13 de setembro, no teléfono 986 36 67 30 ou a través do correo [email protected].

Para a celebración desta cuarta edición do MercadiYO cóntase coa colaboración do Concello de Baiona, que acolleu con gran entusiasmo o evento organizado pola Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (COEMSA).

Desde as 11:00 ata as 21:00 horas os participantes instalaranse e venderán os seus “tesouros escondidos” ao longo da Avenida Julián Valverde na que, aqueles e aquelas que se acheguen poderán atopar pezas de roupa, accesorios, aveños domésticos, obxectos persoais, xoguetes… cousas que se teñen por casa e xa non se utilizan, pero poden ter unha segunda vida en mans doutra persoa.

A organización convida a todos e todas a que non se perdan un evento no que poderán gozar dunha bonita xornada de ambiente familiar e educativo na que os máis pequenos e os mozos poderanse concienciar da prolongación da vida útil das cousas, unha práctica que nun tempo pasado era bastante común e que cada vez está máis en desuso.