Sábado, 10 Maio de 2025

Rematan as obras da Avenida de Sabarís de Baiona realizadas ao abeiro do Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra

Os traballos contaron cun investimento de 251.242 euros e foron executados pola empresa Marconsa

O Concello de Baiona vén de dar por rematadas as obras da Avenida de Sabarís, unha das entradas naturais ao municipio de Baiona, que se transforma nunha vía que se prioriza a seguridade viaria e a mobilidade peonil, dous dos principios básicos do plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra, a través do que se desenvolveu esta actuación.

A obra realizada pola empresa Marconsa cun investimento total de 251.242 euros (IVE incluído), está financiada pola Deputación nun 85 % correndo o restante 15 % a cargo do Concello de Baiona.

Os traballos transforman a Avenida de Sabarís nun espazo de mobilidade sustentable no que, a seguridade viaria e a mobilidade peonil, son dous elementos fundamentais. Nese sentido cómpre salientar que o plan DepoRemse da Deputación, busca diminuír a vulnerabilidade dos peóns a través de medidas que fagan máis segura a súa circulación.

A tal fin, adaptáronse os pasos peonís ás normativas en materia de accesibilidade, amais incorporar un novo paso de peóns para mellorar a mobilidade. De cara a dotar a estes pasos dunha maior seguridade, reforzouse o alumeado nos mesmos de cara a facelos máis visibles durante a noite ou en condicións de escasa visibilidade.

Doutra banda, procedeuse ao cambio de luminarias e lámpadas dos puntos de luz existentes por outras de tecnoloxía LED de maior rendemento e menor consumo, medida esta que mellora notablemente a eficiencia enerxética.

No que ao firme da avenida fai referencia, rehabilitouse na súa totalidade procedendo ao asfaltado de toda a rúa para, posteriormente, proceder á sinalización vertical e horizontal, corrixindo e ampliando sinais de cara a mellorar a seguridade viaria.

Finalmente, incorpóranse 5 marquesinas nas paradas de autobús existentes coa vista posta no fomento do uso do transporte público e procedeuse á substitución das plantas da mediana que quedou adobiada con tres especies diferentes que contribuirán ao embelecemento da entrada a Baiona.