Sábado, 3 Maio de 2025

Os servizos de emerxencia rescatan a un home que se bañaba na praia da Ladeira en Baiona

Segundo rescate nas praias baionesas na tarde de onte. Despois da menor que sacaron da auga con síntomas de afogamento en Barbeira, contra as oito da tarde de onte rescataron a un bañista en apuros na desembocadura do Miñor, no areal de Ladeira. Por fortuna, unha embarcación da Cruz Vermella recolleu ao home e levouno a terra en perfecto estado de saúde.

Desde a costa, unha persoa decatouse dos seus sinais de auxilio e rapidamente se puxo en contacto co 112 Galicia. Quen chamou ao servizo de emerxencias indicou que o bañista parecía ser arrastrado pola corrente e necesitaba asistencia urxente. Deste xeito, os xestores do 112 Galicia informaron aos socorristas da Praia Ladeira, así como aos equipos de Salvamento Marítimo e axentes da Policía Local. Ata a zona, tamén se achegaron algunhas embarcacións, entre elas, unha lancha da Cruz Vermella, que finalmente trasladou á persoa a terra. 

Debido ao seu bo estado de saúde, descartouse a intervención dos servizos sanitarios de urxencia, que agardaban na zona por se fose necesaria a asistencia médica.