Sábado, 3 Maio de 2025

O mercado de Sabarís volve este luns á normalidade con máis de 170 postos e con rigorosas medidas de seguridade sanitaria

O tamaño dos postos maiores de 4 metros, será reducido nun 25 % para permitir manter as distancias de seguridade mínimas establecidas polas actuais normativas sanitarias

O luns 22 de xuño, o tradicional mercado de Sabarís volverá case que á normalidade logo de que, nas últimas semanas e a medida que se ía avanzando nas fases da ‘desescalada’, retomara a súa actividade de xeito paulatino e cinguido exclusivamente a postos de sector agroalimentario.

Nesta ocasión, o mercado retomará xa o seu formato máis habitual coa presenza de máis de 170 postos que ofrecerán, como adoita acontecer, os máis diversos produtos e nunha actividade que supón un elemento dinamizador da economía local.

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Comercio e Mercado que xestiona Víctor Muñoz, optou pola realización de pequenas modificacións que, sen necesidade de cambiar de ubicación os postos, permitan manter as distancias de seguridade establecidas pola actual normativa sanitaria da COVID-19.

Nese sentido, o Concello de Baiona optou por reducir a dimensión dos postos maiores de catro metros nun 25 %, a fin de poder dar cumprimento as normas sobre a distancia mínima de seguridade entre os postos de venda. Conséguese, con esta medida, “non cambiar de situación os postos, co prexuízo que iso ocasionaría as e aos vendedores, e ao mesmo tempo garantir a seguridade sanitaria tanto das persoas que alí traballan coma dos usuarios e usuarias”, sinala o edil de Mercados.

Doutra banda, nos puntos de acceso a Policía Local comprobará que todas as persoas que se acheguen ao mercado de Sabarís cumpran coas normas de prevención establecidas, comprobando que leven máscaras de protección e evitando aglomeracións de persoas.

Tanto o alcalde, Carlos Gómez, como o concelleiro de Mercados, Víctor Muñoz, fixeron un chamamento “á responsabilidade de veciños e veciñas á hora de cumprir coas normas de seguridade”. “A veciñanza de Baiona –sinalou o alcalde– fixo un enorme esforzo durante o confinamento e amosou enormes doses de solidariedade e responsabilidade. Agora é hora de seguir avanzando nesa liña para evitar unha volta atrás que tería unhas consecuencias imprevisibles”.