Baiona acolleu onte a entrega de premios da segunda edición do ‘Concurso Interescolar de Poesía Visual Vila de Baiona’, un certame no que participaron todas as aulas do terceiro ciclo de educación primaria do municipio. Con este concurso, impulsado polo poeta David Fernández Rivera e organizado polo Concello e a Concellería de Educación, búscase, entre outras cousas, dar continuidade a todo o aprendido polos pequenos xunto a Rivera a través do Proxecto Caligrama 2000, un obradoiro que busca introducir aos colexiais na creación e interpretación das diferentes vertentes da poesía visual.
Nesta nova edición, na que como o curso pasado cada aula participante debía presentar un único poema orixinal, entregáronse tres premios: un premio ao mellor poema e dúas mencións de honra. Este ano a aula gañadora foi a de 5.º do CEIP Belesar e as mencións de honra foron para a aula de 6.ºA do CPI Cova Terreña, así como para a aula de 6.º do CEIP Belesar. Os alumnos premiados recibiron con ilusión senllos galardóns de mans do Concelleiro de Educación, Óscar Carreño Miniño e do propio David Fernández Rivera, a quen pediron con entusiasmo repetir a experiencia o próximo curso.

Así mesmo, este ano todos os alumnos recibiron un agasallo especial, un libro antolóxico publicado polo Concello de Baiona no que se recollen todos os poemas presentados ao concurso nas dúas edicións celebradas. Esta antoloxía, que leva por título Albor, sorprende gratamente pola calidade do seu contido, un contido que demostra como calaron os ensinos de David Fernández Rivera no alumnado e que pon de manifesto, entre outras moitas cousas, a capacidade creativa dos máis pequenos, algo que sempre reivindicou o poeta. As bibliotecas escolares contarán cun exemplar do libro, así como a Biblioteca Municipal, onde se atopará ao dispor do público.

Por outra banda, Albor é unha das poquísimas iniciativas destas características que se levou a cabo en educación primaria a nivel nacional; tanto é así que pola súa singularidade, e coa vontade de difundir o traballo realizado en Baiona, David Fernández Rivera comprometeuse a enviar algúns exemplares ao Centro de Poesía Visual, o centro documental de referencia do experimentalismo poético contemporáneo en España, sito na provincia de Córdoba.