Se o ano pasado o Barbeira Season Fest de Baiona creceuse ante o temporal que fixo perigar a súa celebración, este ano convértese nun deses festivais que se celebrarán “contra todo prognóstico” a pesar da pandemia do coronavirus. O próximo 19 de setembro, un dos festivais de verán máis aplaudidos o pasado ano en Galicia, volverá celebrar cumprindo estritamente coas regras de seguridade sanitaria establecidas para esta nova normalidade.
Volve o Barbeira Season Fest, baixo o subtítulo de “Un festival contra todo prognóstico”, cun formato modificado debido ás circunstancias. Este ano non se celebrará na horta do Parador por cuestións de espazo. Nestes momentos, aínda se está buscando en Baiona un lugar que se adapte ás directrices marcadas polas autoridades sanitarias para celebrar un evento destas características. Nos próximos días confirmarase o novo espazo.
Tamén se reduce o aforo a 500 persoas. “É algo que non nos preocupa demasiado”, comenta Isaac González, director do certame. “Este festival xa naceu para ser un evento dirixido a un número reducido de público, case exclusivo. O ano pasado metemos na horta do parador a 700 persoas”, sinala.

Cartel pechado, aberto a sorpresas
O cartel do Barbeira Season Fest está xa case pechado, “aínda que aínda pode haber sitio para algunha sorpresa. La la love you, Ortiga, Ginebras ou Lisasinson son, agora mesmo, os grupos confirmados. “Mantemos gran parte do cartel que tiñamos previsto -comenta Isaac González- e movemos a outros artistas para o festival de 2021, no combinaranse artistas galegos e de ámbito nacional”.
Coidado do ambiente, ecoloxía, filosofía de Plástico 0, eses son, ademais da música e outro tipo de contidos culturais, os principais eixos do singular Barbeira Season Fest que se celebrará o próximo 19 de setembro, “contra todo prognóstico”, en Baiona. “Prometemos unha experiencia única, segura e reconfortante. A pandemia segue aí pero conseguiremos que non moleste”, finaliza o director do festival.