Martes, 6 Maio de 2025

Esta fin de semana Baiona, A Guarda, Mos, O Porriño e Redondela acollerán o Zampakilos Solidario do grupo Vegalsa-Eroski

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo mobilizará voluntarios para poder levar a cabo o ‘Zampakilos Solidario’ nas comarcas de Baiona, A Guarda, Redondela, Mos e O Porriño, campaña impulsada polo grupo Vegalsa-Eroski.

A recollida de alimentos desenvolverase mañá venres, e o sábado, 11 e 12 de marzo, nunha trintena de supermercados de Vigo, Pontevedra, Redondela, Porriño, Baiona, Marín, Lalín, Cambados e A Guarda. Por zonas: 230 voluntarios participarán en Vigo, 15; en Pontevedra, 25; en Redondela, 30; en Porriño, 15; en Baiona, 15; en Marín, 15; en Lalín, 15; en Cambados, e, outros 15 máis, na Guarda.

O ‘Zampakilos Solidario’ será a primeira Operación Quilo que levará a cabo o Banco de Alimentos de Vigo, despois de dous anos nos que, por motivo da pandemia, rebaixáronse substancialmente este tipo de accións. Ata antes do estalido da crise sanitaria, a entidade adoitaba realizar de maneira asidua campañas presenciais nos supermercados sendo unha fórmula moi eficaz en canto a provisión de produtos básicos refírese e, por tanto, de abastecemento inmediato dos almacéns de Vigo e Pontevedra.

A previsión por parte da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo é ir recuperando ditas tradicionais Operacións Quilo coa participación de voluntarios e, así, volver ter unha relación continua coa sociedade.

Operación Quilo mixta

En canto á fórmula elixida de doazóns este venres e sábado nos supermercados adheridos á campaña, será mixta. É dicir, as persoas poderán entregar comida non perecedoira aos nosos voluntarios presentes -perfectamente identificados con petos do Banco de Alimentos- ou, tamén, facendo achegas económicas ao pasar por caixa. Como xa ocorreu durante a Gran Recollida. Co diñeiro recadado, Vegalsa-Eroski habilitará un saldo a favor do Banco de Alimentos para a compra posterior dos produtos máis necesarios.

O Banco de Alimentos de Vigo repartiu máis de 2 millóns de quilos de alimentos durante 2021. Con carácter apolítico e aconfesional, na actualidade axudan a unhas 22.000 persoas desfavorecidas da provincia de Pontevedra, ás que chegan a través de máis de 150 ONG e entidades homologadas coas que traballan.