Baiona recibe de novo o premio Quality Coast Gold Award, que recoñece o seu traballo a favor da xestión sostible do municipio.
Este recoñecemento, outorgado pola asociación internacional Green Destinations, deriva da valoración de máis de 100 criterios relacionados coa xestión, a natureza e a paisaxe, o medio ambiente e o clima, a cultura e a tradición, o benestar social, os negocios, a comunicación e a xestión turística sostible.
Despois dunha auditoría documental en liña, realizouse unha auditoría presencial que incluíu diversas entrevistas con técnicas municipais, responsables da lonxa ou do Monte Real Club de Yates, entre outros. Ademais, leváronse a cabo visitas a distintos recursos patrimoniais e naturais, e tamén se coñeceron de primeira man iniciativas da parte privada.
A puntuación outorgada está moi preto de alcanzar unha categoría superior, que sería a categoría platino.
No informe final valórase moi positivamente a xestión turística enfocada á busca da desestacionalización e á sostibilidade turística en toda a cadea de valor, a protección da paisaxe e da natureza, a posta en valor do patrimonio cultural e tradicional e a aposta pola implantación de plans de calidade turística.
No informe tamén se identifican áreas con maior marxe de mellora, como aspectos relacionados co consumo de enerxía, as enerxías renovables, os gases de efecto invernadoiro, o estudo das emisións de carbono e, en xeral, aspectos relacionados co cambio climático.
Este distintivo recoñece o nivel de cumprimento (avaliado por auditores independentes) da Norma de Destinos Verdes, recoñecida polo GSTC (Consello Global de Turismo Sostible). As auditorías deben realizarse cada dous anos, cunha auditoría de seguimento entremedias, e dan lugar á designación de Bronce, Prata, Ouro ou Platino. Os premios QualityCoast están especialmente deseñados para destinos costeiros nos que, ademais, se valora a sostibilidade respecto ao mar, a costa e a calidade das praias.