Mércores, 7 Maio de 2025

Xornada de limpeza do monte do Viso

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Viso organiza o vindeiro sábado 5 de novembro unha xornada para a retirada de verteduras e lixo no monte veciñal en man común. O punto de encontro será o Cruceiro de Baltar a partir das 10:00 horas da mañá.

Dentro das actividades de recuperación, xestión e posta en valor do monte comunal, ademais do xa tradicional día da árbore, os comuneiros e comuneiras do Viso convocan unha xornada para paliar os diversos vertidos detectados no monte. Estas situacións repuntaron nas últimas semanas con ata 3 novos puntos localizados en menos de un mes.

Un problema difícil de atallar e que precisa concienciación

Segundo a xunta directiva dos comuneiros, “desgraciadamente aínda perduran as malas costumes de considerar os montes como vertedeiros e cargar un carro de escombros e lixo para depositalos en calquera lugar”. Ben é sabido que este lixo pódese depositar nos contedores, mesmo os electrodomésticos, mobles e voluminosos poden ser recollidos por Urbaser só realizando unha chamada e concertando data de recollida. Polo tanto, resulta inexplicables estas actitudes incívicas.

Un maior control dos montes

Ante esta situación os comuneiros demandan da policía autonómica, os axentes ambientais e do Seprona unha maior presenza e control dos montes, sobre todo daqueles máis periurbanos e que son máis propensos a sufrir estes ataques. Dende a xunta directiva, mesmo se está avaliando a posibilidade legal de instalación de cámaras camufladas nos terreos comunais para poder identificar aos delincuentes que realicen estas actividades incívicas.

Colaboración do Concello de Redondela

Para esta actuación de retirada de lixo e escombros en diferentes verteduras, solicitouse a colaboración do Concello de Redondela, quen de inmediato se puxo a disposición da veciñanza comuneira para a instalación dun contedor na zona do Baltar e encargarse da posterior retirada do lixo recollido e proceder ao seu procesamento regulamentado.