Sábado, 3 Maio de 2025

Unha placa inmortaliza o maxisterio de Carmen Barreiro Seoane e Óscar Rey Belle en Cesantes

Unha placa en pedra no edificio no que impartiron clase. O pasado domingo 23 de abril quedou inmortalizada a labor de Carmen Barreiro Seoane e Óscar Rey Belle. Ao longo de moitos anos, o matrimonio impartiu clase de estudos básicos aos alumnos de Cesantes na escola unitaria de Outeiro das Penas, situada no edificio que hoxe acolle o Círculo Cultural de Cesantes. Precisamente, na súa parede principal quedou colocada a placa de pedra que recorda aos mestres e que foi pendurada nun acto conxunto co Concello de Redondela e no que tamén estiveron familiares, autoridades públicas e veciños de Cesantes.

Carmen Barreiro xubilaríase tras exercer como docente no colexio de Cesantes durante 25 anos (1944 a 1969), mentres que Óscar Rey, o seu marido, impartiu docencia dende os anos 50 ata a súa xubilación. Residían nunha casa preto do centro escolar e fixeron unha tarefa recordada por xeracións de veciños debido ós escasos medios dos que dispoñían, que trataban de contrarrestar con dedicación, paixón e esforzo.

Este ano, o Concello de Redondela realizou unha serie de actos polas parroquias do municipio para destacar a diversas figuras femininas coa designación de ‘Muller Conquistadora’. En Cesantes, baixo a proposta do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy e apoiada polas diferentes asociacións da parroquia, a homenaxeada foi Carmen Barreiro Seoane. O colectivo cultural, a maiores, optou por realizar a placa en pedra e engadir un recoñecemento a Óscar Rey, tamén mestre durante varios anos.

No acto do pasado domingo 23, feito en conxunto co Concello de Redondela, realizouse un retrato en directo de Carmen Barreiro, pasouse unha pequena peza audiovisual na que colaborou Lucía Otero con fotografías antigas do arquivo fotográfico do Obradoiro e pronunciáronse os correspondentes discursos a cargo da alcaldesa Digna Rivas e o presidente do Obradoiro, José Antonio Martínez. Ademais descubriuse a placa de homenaxe por parte dun fillo do matrimonio, D.José Luis Rey, que foi bendicida polo cura da parroquia de Cesantes.

Un dos momentos máis emotivos foi a lectura de Manuel López Martínez dunha carta escrita hai 30 anos para un xornal, no momento do falecemento dos homenaxeados. Pola súa parte, Manuel Nieto, alumno da escola contou varias anécdotas que puxeron a nota distendida no emotivo acto. O grupo Airiños de San Simón puxo o punto musical á xornada, que contou coa participación de, aproximadamente, un centenar de asistentes no Círculo Cultural de Cesantes.