Domingo, 4 Maio de 2025

Un semáforo mellorará a seguridade viaria nas inmediacións do colexio de Angorén, en Chapela

O Concello de Redondela instalará, nos vindeiros días, un semáforo na estrada N-552 ao seu paso por Chapela, a sinalización permitirá garantir a seguridade das veciñas e veciños residentes na zona así como as familias e escolares que, diariamente, acuden ao colexio Alexandre Bóveda.

O Goberno que preside Digna Rivas solicitou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Mitma, a correspondente solicitude para instalar a correspondente sinalización de cara a previr accidentes nas inmediacións do acceso ao centro escolar. A maiores do correspondente grupo semafórico, realizarase unha modificación da sinalización vertical e horizontal actual para a súa adecuación á nova situación.

Os traballos contarán cun investimento de 36.142,70 euros, que serán financiados con fondos propios do concello por entender que “se trata dunha actuación de máximo interese para a poboación”, apuntou a alcaldesa Digna Rivas. A empresa encargada comezará os traballos nos próximos días e terán un prazo máximo de execución de 2 meses.

O Concello de Redondela da resposta, deste xeito, a unha das demandas históricas da parroquia de Chapela que durante anos leva manifestado a súa preocupación pola situación de perigosidade nunha estrada de moita afluencia que se atopa, prácticamente, nun casco urbano e moi preto dun centro escolar.

Digna Rivas amosou a súa satisfacción por ter conseguido a autorización do Mitma, “tan só uns meses despóis de acadar o Goberno”, aínda que lamenta que “o precedemento administrativo ordinario de contratación dilatara máis do desexado a súa instalación”.