Domingo, 4 Maio de 2025

Reunión con Audasa para presentar o proxecto de reposición dos viais da AP9

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, vén de reunirse hoxe con representantes de Audasa, a Asocición de veciños de Chapela, a Asociación de veciños de Trasmañó e a Asociación de Afectados pola AP9 para anunciar o proxecto final que recolle tódalas alegacións feitas polos mesmos colectivos para unha correcta compensación polos viais danados.

“As alegacións presentadas pola veciñanza e colectivos de Chapela ao proxecto de reposición de viais da AP9, son irrenunciables e o Concello loitou para que a débeda que o Ministerio ten con Chapela sexa resarcida”, afirma Digna Rivas.

En outubro de 2018, co anterior goberno de Mariano Rajoy, o Ministerio de Fomento prometía ultimar os trámites para a mellora dos viais en Chapela. Sen embargo, como recolleu a prensa no seu día, a propia Asociación de Afectados pola AP9 recoñecía e denunciaba o retraso de ano e medio na execución das obras. A rexidora local lembra que “nada máis entrar a gobernar en 2019, unha das primeiras medidas que tomei foi manter reunións cos distintos responsables do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, non só para darlles conta das xustas reivindicacións dos veciños e Asociación de Afectados da AP9, senón tamén para comezar a traballar e alcanzar compromisos en firme para solucionar á reposición de viais que recollía a adenda”. Na mesma liña engade que “de todas as reunións mantidas coa Delegación do Goberno e Fomento, sempre se comunicou os avances e se mantivo informados aos colectivos implicados”.

As obras, denominadas Reposición de viario en Chapela (Redondela). Autopista AP-9. Tramo: Enlace de O Morrazo – Enlace de Teis, contan finalmente cun orzamento do Ministerio de Transportes de  4,1  millóns de euros e inclúen as seguintes actuacións:

Os traballos a realizar que figuran no proxecto, inclúen a adecuación e mellora dos camiños de Piñeiral, Penisal, Torreiro, Camiño da Igrexa, Oliveira e Pasán mediante a reposición de firme, servizos urbanos e de saneamento, a disposición de beirarrúas, a creación de zonas axardinadas e sendas peonís que garantan a seguridade das e dos viandantes.

O Camiño Mouriño atópase nun estado impracticable, polo que renóvase na súa totalidade mellorando a accesibilidade e seguridade.

Doutra banda, o proxecto dota de continuidade ao Camiño da Igrexa ata a rúa Pasán, para o que será preciso ampliar a pasarela peonil de Chapela que cruza a AP-9. Ao mesmo tempo, proxéctase tamén a reordenación da sección transversal do paso superior sobre a autopista da rúa Pasán, para permitir a disposición dun itinerario peonil sobre o mesmo.

Aténdense tamén peticións reiteradas da veciñanzacomo a creación dunha praza empedrada no contorno da Igrexa como punto de encontro parroquial e dote á parroquia, a renovación do Parque Infantil na zona da Igrexa ou  a recuperación da Fonte Cornido.

No que atinxe á contorna do IES de Chapela, adecuarase a contorna mediante a disposición dunha dársena para subida e baixada de estudantes que viaxan en vehículos particulares e que, na actualidade, carecen de espazo habilitado na Avenida de Redondela para realizar esta operación.

Entre eses temas cualificados como “irrenunciables” pola está a necesidade de arranxar a Ponte de Trasmañó no que fai referencia a súa accesibilidade cara a N-552 de xeito que mellore as súas condicións de seguridade e de comodidade.

O proxecto inclúe as necesarias actuación de integración ambiental, estética e paisaxística e é compatible coa actuación de disposición das pantallas antirruído nese tramo, proxecto que se está a desenvolver de xeito paralelo.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, non ocultaba a súa satisfacción ao sinalar que, tal e como quedaba demostrado, “os compromisos que adquire o Goberno de Pedro Sánchez, non quedan en palabras baleiras ou boas intencións, senón que se cumpren”.

Quixo Digna Rivas destacar “o incansable traballo e compromiso da Asociación de Veciños de Chapela, da Asociación de Veciños de Trasmañó e da Asociación de Afectados pola AP-9 e, froito dese traballo conxunto co Goberno de Redondela, agora estamos falando de poñer punto e final a un problema que afectaba seriamente a calidade de vida da veciñanza da contorna da AP-9”.