18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRematados os traballos de mellora e adecuación do Camiño dos Quinteiros en...

    Rematados os traballos de mellora e adecuación do Camiño dos Quinteiros en San Estevo de Negros

    Os traballos foron incluídos polo Concello no Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcela agrícola 2021-2022 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader)

    O Concello de Redondela deu por rematadas as obras de mellora e adecuación do Camiño dos Quinteiros, na parroquia de San Estevo de Negros, traballos cos que se busca mellorar a accesibilidade viaria e, dese xeito, contribuír á mellora da calidade de vida da veciñanza que habita na zona de influencia dos traballos.

    A actuación de mellora desenvolveuse nun treito de preto dos 500 metros (486,74) –entre o camiño de Negros e o Camiño da Lameira– e cunha largura media de 5,32 metros. Tal e como sinala o informe técnico, o camiño posuía unha capa de rodadura en aglomerado e atopábase cun alto grao de deterioro.

    Tralos traballos previos de adecuación do sistema de drenaxe e saneamento de tramos de plataforma e estendido e compactado de zahorra, procedeuse ao estendido e compactado dunha capa de rodadura de 6 cm de espesor, segundo tramos, con mestura bituminosa en quente, incluíndo aplicación de rego de adherencia.

    A superficie a pavimentar abrangueu todo o ancho da calzada dende o limite das propiedades, muros ou cunetas e, unha vez asfaltado, púxose á nova cota de tapas de pozos, reixas e arquetas de rexistro. As obras foron incluídas no Plan Marco: Mellora de camiños municipais de acceso a parcela agrícolas 2021-2022, promovido pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que visitou o estado das obas acompañada do concelleiro de Vías e Obras, Vicente Lamas, subliñou a importancia destas obras “que melloran as comunicacións, facilitan á vida á veciñanza e contribúen a vertebrar o municipio”.

    “Non se trata de obras illadas –puntualiza a rexedora redondelá– senón dun plan global que desenvolve a Concellería de Vías e Obras e que ten como finalidade que as nosas parroquias poidan contar cunhas estradas e camiños adecuados ás necesidades dos veciños”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.