Domingo, 4 Maio de 2025

Redondela únese á Fundación Salma nunha exhibición de papaventos pola Saúde Mental

Coincidindo coa celebración do Día da Saúde Mental, o Concello de Redondela únese á iniciativa da Fundación Salma para dar visibilidade á importancia de coidar o benestar físico e mental. O domingo 16 de outubro ás 12 horas na Praia de Cesantes e na de Arealonga poderase ver unha exhibición de papaventos.

O evento terá lugar o mesmo día e á mesma hora en todos os Concellos de Galicia que quixeran participar coa Fundación Salma. “A idea é crear unha rede para dar visibilidade, pero sobre todo crear unha conexión para arroupar a todas aquelas persoas que estén sufrindo. Por iso, invitamos a todas e todos os veciños de Redondela a participar como espectadores ou voando o seu papaventos”, explica a alcaldesa, Digna Rivas. Calquera persoa interesada en participar pode facelo de forma libre.

Sabendo que nestes momentos as enfermedades mentais están no día a día dos escolares, o Concello de Redondela en colaboración cos departamentos de Servicios Sociais e Medio Ambiente difundiron a actividade conseguindo que participaran escolas do municipio e asociacións como ANDAINA (asociación sen ánimo de lucro creada por nais e pais de nenos e nenas con diversidade funcional en Redondela).