Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela representa a Galicia no torneo internacional de veteranas de balonmán en Sevilla

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, vén de desearlles “boa sorte” ao equipo de veteranas do club SAR de Redondela coñecido como As Sarillas, aínda que non a precisan. Do 24 ao 26 de febreiro estarán en Sevilla para competir polo trofeo ‘Torneo Internacional Balonmano Femenino Masters de Sevilla’, organizado polo C.D. Agrupación Sevillana Amigas del Balonmano e a Delegación de deportes da Comunidade Autónoma de Sevilla.

Durante tres días enfrontaranse a equipos de Cataluña, Asturias, País Vasco Almería, Sevilla, Valladolid, Granada e Málaga, así como outros internacionais entre os que se atopan Portugal, Budapest ou Alemaña.

O primeiro partido é hoxe venres ás 20:00 h contra o OAR Gracia de Sabadell. Digna Rivas quixo, acompañada do concelleiro de Deportes, desexarlles sorte “nun torneo internacional no que Redondela vai a representar con orgullo a Galicia por primeira vez na historia” e felicita “o esforzo e traballo que fan as xogadoras veteranas para manterse activas e compaxinar o deporte coa súa vida privada”.

Como agasallo, o Concello de Redondela ofreceulles camisetas co escudo redondelán, bolsas e unha “Coca” de Sargadelos para obsequiar aos anfitrións do trofeo “e que Redondela quede inmortalizada nas vitrinas de Sevilla ao lado de outras moitas comunidades e países”, conclúe Rivas.