Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela redacta o proxecto do parque forestal do Monte Castro de Negros ao abeiro do Plan Provincial de creación de Parques Forestais

O Concello de Redondela vén de rematar a redacción do Parque Forestal do Monte Castro de Negros cun importe total de 8.107 €, coa participación da Deputación de Pontevedra cunha subvención de 6.000 € do Plan Provincial de Parques Forestais. Un proxecto redactado por XIRELA, Servizos Técnicos e Obras do Rural que se realizará en terreos da Comunidade de Montes de Negros cando se lancen novas liñas de subvención para parques forestais e proceder a fase de execución das melloras.

Introdución do proxecto

Os montes son espazos que determinan a paisaxe e a identidade das comunidades. Independentemente da súa titularidade, desempeñan unha función social relevante, tanto coma fonte de recursos naturais e sustento de actividades económicas como por ser provedores de múltiples servizos ambientais, sociais e culturais.

 Ante un mundo cada vez máis urbano, o monte desempeña un papel, cada día máis importante, de proporcionar pracer estético e recreo a poboación, constitúen un recurso turístico e recreativo polo que é preciso estudar e planificar a función social que desempeñan. Por outra banda, a raíz dos incendios acontecidos nos últimos anos na provincia de Pontevedra considérase necesario a creación dun parque forestal para o posta en valor do monte de Negros. Consciente desta necesidade a Deputación de Pontevedra aprobou unha subvención para redactar o proxecto de creación do parque forestal de Negros, ao abeiro do plan provincial de creación de parques forestais.

O obxecto do presente proxecto é que a parroquia de Negros conte cun parque forestal, sendo este un espazo de uso libre e público de lecer con valores paisaxísticos a preservar e poñer en valor, que abranguen áreas continuas e coherentes e dotado de instalacións integradas de forma respectuosa co medio ambiente de cara a satisfacer as necesidades de esparexemento, xogo, lugar de encontro e ocio dos veciños e visitantes respectando o monte sen degradalo e ao mesmo tempo preservar e potenciar, se cabe, os seus valores paisaxísticos, ambientais, naturais, edafolóxicos, culturais e forestais.

A diversificación de usos e aproveitamentos dotará ao monte dun maior valor e contribuirá a reducir a posibilidade de ocorrencia de incendios forestais e os posibles efectos do lume en caso de producirse.

 Na elaboración do presente proxecto teranse en conta os seguintes principios básicos:

Diversificación: o monte é un espazo con varias funcións, onde poden darse distintos usos e aproveitamentos, creándose relacións sinérxicas entre eles.

Ordenación: a xestión do monte debe partir de unha planificación previa definíndose uns obxectivos e as medidas necesarias para acadalos.

Prevención: na xestión do monte deberán terse en conta todos aqueles fenómenos que poidan causar danos, tanto ao medio natural e físico como a aqueles usos que se realizan.

Mellora: deberán establecerse as actuacións que melloren o espazo, os seus usos e aproveitamentos, os seus valores etc.